Viaxar a Sicilia era algo que viña seducíndome desde había xa uns cantos anos, supoño que en parte provocado polas engaiolantes imaxes que dela tiña visto no cine, en documentais e en series rodadas alí. Tiven a sorte de compartir este desexo coa miña amiga Luísa, así que enseguida nos puxemos de acordo e comezamos a organizalo todo.

O 18 de marzo de 2026 saímos do aeroporto de Santiago de Compostela cara a Palemo ás 9.15 a.m. Tivemos que facer transbordo en Barcelona, pois non había voo directo desde Galicia. Tras toda a peripecia, que incluíu os bocadillos a prezo de ouro que mercamos na terminal catalá, aterramos na illa ás 13.45.

Non nos defraudou, o que si comprobamos é que se se busca gozar dun tempo solleiro e cálido hai que esperar a maio ou, aínda mellor, a xuño.

Os días foron frescos e as noites máis, mesmo non nos libramos dunha boa treboada. Pero, por fortuna, tamén houbo algúns intres nos que o sol se abriu paso entre os teimosos nubeiros que se empeñaban en agochalo. Á fin e ao cabo démoslle alí a benvida á primavera.

As circunstancias leváronnos a elixir Palermo debido ás datas libres das que dispoñiamos e á combinación de voos que nos ofreceron na axencia. Como só estivemos cinco días, iso tamén condicionou os lugares que visitamos.

Xa na aproximación do avión ao aeroporto puidemos admirar a súa orografía, caracterizada pola presenza de espectaculares montañas calcarias, o que lles dá un aspecto pedregoso, e que logo puidemos comprobar que rodean a cidade, encaixada na chamada Conca d´oro.

Os puntos máis destacados deste relevo montañoso son o Monte Pellegrino, onde se atopa o Santuario de Santa Rosalía, patroa da cidade, visible desde Palermo; o Monte Cuccio ( o máis alto), o Monte Gallo e o Monte Caputo, coa vila de Monreale.

No aeroporto, cun pouco de retraso (tranquillo nessum fretta: non hai présa, foi a súa escusa) recolleunos o condutor que nos levou ata o hotel e que, xa na cidade, nos mostrou a rúa Vittorio Enmanuelle, a máis antiga, que cruza o centro histórico de Palermo dunha a outra punta e que se convertería na máis transitada por nós durante o tempo que durou a nosa estancia.

Descargar viaxe

Monreale
Palermo
cefalú
Charo Valcárcel Mato

Charo Valcárcel Mato

Profesora de Galego

Nacín nunha pequena freguesía da Estrada (Sta. Cristina de Vinseiro) hai 60 anos, pero xa levo trinta e cinco vivindo en Pontevedra, case tantos como os que traballei no IES Valle Inclán (trinta e dous), toda unha vida…

Estudei Filoloxía Hispánica, aínda que me presentei e aprobei as oposicións para profesora de Lingua galega e sempre exercín como tal, do cal me sinto e sentirei sempre moi orgullosa.

Formamos parte dun grupo de teatro de profesores (en activo e xubilados) que naceu no 2005 no seo do Valle Inclán, Argallada, e que está esperando tempos mellores para retomar a súa actividade.

Agardo que as miñas contribucións no blog devellabella sexan merecedoras do voso beneplácito ou, polo menos, non do voso desgusto.

Golpes de luz

70º Norte

máis artigos

Contacto

Ana Santos & De Vella a Bella

Hablemos ♥♥♥
No dudes en ponerte en contacto con nosotros, enviándonos un mensaje mediante el formulario siguiente.

Ana Santos & De Vella a Bella

♥♥♥ síguenos ♥♥♥