Todos levamos un vello ou unha vella dentro. Só é unha cuestión de tempo coñecelo.
O termo idadismo, tradución do inglés ageism, acuñouno o xerontólogo estadounidense Robert Butler en 1969, director nese intre do National Institute on Aging en EEUU. Nun artigo publicado en The Washington Post comparou o trato que se lle daba a xente maior co racismo e o sexismo. A definición orixinal achegada por Butler é: Prexuízo dun grupo de idade contra outro grupo de idade que leva a ver a xente maior coma enfermos, inútiles, incapaces e parecidos entre si só pola idade cronolóxica.
O termo microidadismo ou microvellismo (admitido pola FundéuRAE) é moito máis recente e procede da fusión de dous termos: microagresión, termo acuñado en 1970 polo psiquiatra negro Chester M. Pierce, para describir os insultos sutís, non violentos, que os brancos dirixían acotío aos negros, e idadismo de Butler. Entre 2010-2015, investigadores en xerontoloxía e psicoloxía social comezaron a usar “microagresións por idade” ou “micro-ageism” para nomear as formas tenues de idadismo. Polo tanto, os microidadismos son esas actitudes, comentarios ou representacións sociais que transmiten prexuízos cara ás persoas maiores de forma sutil, condescendente e normalizada sen “mala intención”. Non sempre aparecen como discriminación directa, senón mediante ideas cotiás que asocian a vellez con deterioración, inutilidade, dependencia, tristeza, falta de capacidade, infantilismo, falta de desexo sexual ou interese por aprender.
O microidadismo pódese dar en ámbolos dous sentidos, isto é, coa xente maior e tamén coa xente moza. É frecuente escoitar maiores recriminaren á xente nova, baixo a aparencia de broma ou consello, a súa falta de experiencia na vida, a ausencia de responsabilidade, o vivir de ensoñacións ou o descoñecemento, consecuencia dos poucos anos vividos; así, adóitanse escoitar frases do tipo: “Es moi novo ou nova para entender iso”, “cando teñas a miña idade xa me darás a razón”, “cando leves tantos anos coma min traballando, falamos”, “eu non nacín onte”; incluso no refraneiro popular se recollen ditos como: “aínda tes a casca do ovo no cu”, “xente nova e leña verde, todo é fume”, “aínda tes moitas papas que comer”, “fáltache unha fervura” ou “hai roupa tendida ao sol”. Mais nós ímonos centrar no microidadismo relacionado coa idade adulta maior.
A idade como algo que hai que disimular
Un dos exemplos máis frecuentes aparece arredor da aparencia física. Expresións como “non aparentas a idade que tes”, “os anos non pasan por ti”, “estás estupenda para a túa idade”, “ninguén che bota a idade que tes”, “tes unha pel estupenda” ou “consérvaste moi ben” parecen gabanzas, mais parten dunha idea de fondo: envellecer sería algo negativo que cómpre ocultar ou disimular.
O matiz cambia completamente o sentido da frase. O “para a túa idade” introduce unha comparación constante, como se existise unha expectativa de deterioración inevitable. Mesmo comentarios aparentemente simpáticos e afectivos como “quen diría os anos que tes” ou, pola contra,“xa se che van notando os aniños” converten o paso do tempo nunha especie de exame permanente que hai que superar.
As persoas non “se conservan”. Nacen, medran, viven, cambian e acumulan experiencia e sabedoría. Os anos non deberían ser vistos como algo que hai que agochar, senón como parte natural do proceso da vida e, en todo caso, coma un logro, unha vitoria da que presumir sobre as vicisitudes que nos espreitan ao longo do traxecto vital.
A sospeita permanente sobre as capacidades
Outro dos ámbitos onde máis aparecen estes microidadismos é na relación coa tecnoloxía e coa capacidade intelectual. Frases como “que ben te manexas co móbil, co ordenador, co GPS” ou “tes unha mentalidade moi nova” parecen expresar admiración, pero en realidade revelan abraio ante algo que non debería sorprender: que unha persoa maior poida aprender, adaptarse ás novas tecnoloxías, manexar as ferramentas dixitais ou pensar con axilidade.
Tamén ocorre cando alguén decide anticiparse e actuar no lugar doutra persoa maior: “non te enlees con iso”, “iso é cousa de xente nova”. Sen preguntar, sen dar opción, establécese unha división artificial entre quen pode e quen, de maneira suposta, xa non debería intentar certas cousas.
A modernidade non ten idade. A curiosidade e a aprendizaxe resultante tampouco.
A infantilización disfrazada de coidado
Quizais a forma máis evidente de microidadismo sexa a infantilización. Tratar unha persoa maior como se fose un neno ou nena pequena, sen capacidade de raciocinio pode parecer unha mostra de tenrura, pero implica unha perda de respecto á súa autonomía e á súa capacidade intelectual.
“Déixame, raíña”, “fágocho eu”, “ti descansa”, “non te metas niso”. Son expresións que moitas veces non nacen da mala intención, senón dunha idea paternalista/ maternalista do coidado. Porén, coidar non debería significar decidir polo outro ou a outra nin afastalo da súa propia capacidade de elección.
A linguaxe que se emprega, ton alto e vocalizando excesivamente, e os diminutivos innecesarios -usar reiteradamente o sufixo –iño/a-, por exemplo en lugares e institucións públicas coma os centros médicos ou entidades bancarias, incide nesa infantilización ás veces denigrante da persoa de idade adulta.
Incluso frases como “ten coidado, non vaias rompelo ou estragalo” parten da presunción de torpeza ou incapacidade. Pouco a pouco, este tipo de comentarios van reducindo a presenza da persoa maior nos espazos de decisión, participación ou iniciativa.
Comparacións que tamén exclúen
Ás veces o microidadismo preséntase en forma de comparación positiva: “móveste mellor ca moitos mozos/as”, “que enerxía tes aínda”, “non representas a túa idade”. Pero incluso neses casos permanece a idea de que existe unha maneira “correcta” ou “estándar” de ser maior.
Ese “aínda” resulta revelador. Como se a vitalidade tivese data de caducidade. Como se envellecer implicase automaticamente resignarse á pasividade, á lentitude ou á invisibilidade.
En realidade, non hai unha única maneira de envellecer. O problema aparece cando a sociedade impón un guión, un canon previo, e felicita e gaba a quen consegue escapar del.
Refraneiro popular
Os refráns populares son frases breves, sentenzas transmitidas de xeración en xeración e que expresan unha ensinanza, unha experiencia ou unha observación sobre a vida cotiá. Forman parte da sabedoría popular e adoitan ter un sentido moral, práctico ou humorístico. Son moi importantes dentro da tradición oral porque sintetizan a cultura, as diferentes maneiras de ver a vida, os valores, os costumes, os traballos, o clima … en definitiva, son coma arquiñas onde conservarmos os coñecementos acumulados pola comunidade ao longo dos séculos; ademais, ao transmitírense de forma oral, coadxuvan a conservar linguas minorizadas coma a nosa ou en perigo de extinción.
A importancia do refraneiro popular obsérvase nunha obra universal coma El Quijote, onde Cervantes pon en boca de Sancho máis de trescentas cincuenta paremias para dar consellos e caracterizalas coma sabedoría popular.
Tocante ao tema que estamos a tratar, son moitos os refráns nos que se revela o microidadismo inserido na sociedade: “Canto máis vello máis pelexo” (engurras, flaccidez, decadencia física), “de vella/o gaiteira/o” (cada cousa ten o seu tempo, hai que comportarse de acordo á idade), “se a vella é gaiteira, que fará a moza solteira” (similar ao anterior pero engade o matiz de que se a vella non ten moito siso, que fará a rapaza), “tarde piaches” (xa pasou o tempo de facer algo), “un vello/a dúas veces/neno/a” (comportamento infantilizado), “galiña vella fai bo caldo” (pode ter un sentido literal ou figurado relacionado coa sexualidade) ou “unto vello fai mellor caldo” (similar ao anterior), “papagaio vello non aprende a falar” (a determinadas idades un xa non pode instruírse), “máis sabe o demo por vello que por demo” (o coñecemento ten que ver máis coa experiencia).
Está claro que os refráns reflicten moitas veces o que a sociedade entende por vellez. Algúns transmiten respecto, pero outros reproducen prexuízos e estereotipos idadistas fondamente arraigados.
Automicroidadismo
Como xa dixemos, o microidadismo vén sendo aceptado con normalidade pola sociedade porque posúe unha pátina de aparente respecto, agarimo e incluso de cordialidade tocante aos maiores. Tanto é así, que moita xente con certa idade interioriza todos estes inputs e asúmeos coma válidos ou correctos. É frecuente oír afirmacións do tipo: “eu xa teño moitos anos”, “eu xa estou moi maior para …”, “iso non é para min”, “eu sonche doutra época ou quinta”, “eu xa che levo vivido moito”, “á miña idade xa non compensa”. É dicir, a persoa acaba reproducindo os estereotipos, limitando as propias capacidades e inhibíndose de afrontar proxectos e desafíos novos que ao mellor lle apetecería realizar. Esta actitude autoimposta, moitas veces de maneira inconsciente, pexa vivir unha vida en plenitude gozando do que nos ofrece, e restrinxe as posibilidades de socializar e continuar unha aprendizaxe que só debería finalizar cando a Parca nos reclame na súa presenza.
Conclusión
O microidadismo non sempre doe no momento. Moitas veces pasa desapercibido porque está socialmente aceptado e porque adoita vir acompañado aparentemente de boas intencións. Pero o efecto silencioso e acumulativo existe e pode devir daniño. Cada acto de condescendencia, cada comentario paternalista / maternalista, cada decisión tomada “para axudar”, cada frase dita desde arriba vai restando espazo, voz, autoestima e autoridade.
Non é unha crítica ás intencións das persoas, senón ao efecto que producen certas formas de trato. Porque non é a idade o que limita, o que condiciona é a maneira na que moitas veces se responde a ela.

Pilar Freitas Juvino
Profesora de Galego
Son Pilar Freitas Juvino e nacín en Campo Lameiro en 1960. Os estudos primarios realiceinos na escola pública desta vila e aos 11 anos marchei interna a un colexio de Tui. Alí estudei o bacharelato no instituto San Paio ata o ingreso na USC onde me licenciei en Filoloxía Románica. Rematada a carreira, estiven durante o curso 1982-83 como auxiliar de conversa de español na cidade de Bayonne, en Francia.
De volta a Galiza, comecei a dar clases como profesora de Lingua e Literatura Galega en diferentes institutos ata recalar no ano 1986 no IES Valle Inclán. Alí permanecín durante todo o resto da miña carreira profesional.
En 2006 doutoreime en Filoloxía Galega cunha tese sobre a represión lingüística en Galiza durante o século XX, tese que máis tarde publicou a editorial Xerais baixo o mesmo título.
Desde o ano 2012 ata 2022 fíxenme cargo da dirección do centro, cargo ao que tiven que renunciar por motivos de saúde.
Considero que esta nova etapa que estou a afrontar debe ser unha etapa arrequecedora, activa e frutífera; por iso a posibilidade que colaborar neste blog ou bitácora e achegar un miúdo gran de area sobre un dos temas que máis me interesan, como é a situación da lingua galega no seu contexto histórico e social, supón para min unha gran motivación e representa unha oportunidade de dar a coñecer a nosa realidade lingüística, tanto pasada como actual.
Orixe e antigüidade do idioma Galego
máis artigos
♥♥♥ síguenos ♥♥♥