OS CAMIÑOS DA VIDA[1]
Ramón Otero Pedrayo
Esta novela de Otero Pedrayo foi publicada pola editorial Nós ao longo do ano 1928. Malia ser rematada, segundo consta ao final do último capítulo, o 17 de xaneiro en Ourense, razóns editoriais aconsellaron que aparecese dividida en tres partes: “Os señores da terra”, “A maorazga” e “O estudante”. Cada unha destas partes consta de sete capítulos.
Tradicionalmente adóitase clasificar a narrativa de Otero Pedrayo en dous grandes grupos: narrativa realista e narrativa culturalista. Os camiños da vida sería a obra máis icónica do primeiro grupo onde se inclúen outras coma: Pantelas, home libre (1925), O purgatorio de D. Ramiro (1926), Contos do camiño e da rúa (1932), O mesón dos Ermos (1936), Entre a vendima e a castañeira (1957) e O señorito da Reboraina (1960).
É unha obra de carácter histórico. Un mosaico ou mural da vida nas terras de Trasouto, trasunto de Trasalba[2], e en toda a contorna da bocarribeira ourensá; aparecen lugares como Maside, Leiro, Amoeiro, serra do Suído, etc. A acción transcorre tamén noutros espazos como as cidades de Ourense e Santiago, urbes foráneas como Madrid, París, as rexións francesas de Normandía e Bretaña e Irlanda. Mais o epicentro de toda a trama desenvólvese en Trasouto de onde os personaxes se desprazan para, nomeadamente, estudar, coñecer de primeira man os vínculos celtas de Galiza con outras partes de Europa, ou simplemente para fuxir de Galiza e instalarse na capital do Estado, Madrid.
O narrador omnisciente pretende describir non só a vida de dúas familias, os Doncos e os Pugas, familias fidalgas que teñen pazo en Trasalba, senón tamén a vida de todo un pobo durante un período que se estende entre 1836, data da aprobación da Lei de Desamortización de Mendizábal, e 1868, data de Revolución de Outubro e caída de Isabel II[3]. Mais na novela aparecen retrospeccións ou analepses que nos remiten ao século XVIII e á guerra contra os franceses, e algunha prospección que nos conduce á restauración borbónica de Afonso XII. Dentro deste gran relato hai cinco digresións ou excursos breves que complementan a historia principal, e que Otero utiliza para introducir temas relativos á orixe celta de Galiza, como a narración dun monxe exclaustrado verbo da fundación do mosteiro de Oseira, o tocante ao que el chama a “revolución galega” de 1846 ou ao descubrimento por parte de Adrián Soutelo da realidade de patrias escravizadas coma Irlanda, Polonia e a propia Galiza. Igualmente, coñecemos por estas digresións o amor tráxico de Adrián pola irlandesa Edith e como este sentimento vai configurar o seu carácter e a súa vida e, finalmente, decidir a súa morte.
Pazo de Trasalba
Argumento
Na primeira parte do libro, “Os señores da Terra”, Otero preséntanos a familia dos Doncos que vive no pazo da Seara, un dos mellores da contorna, xa que dispón de moita fortuna e comodidade. O patriarca, D. Caetano, é un home nugallán, indolente, pouco letrado, de carácter feble, escasamente sociable e que se deixa levar polo paso do tempo sen máis. É carlista convencido e doa bastantes onzas de ouro para axudar as partidas e mercar armas; ademais, está moi dominado polo abade don Xacobe. A vida segue o decorrer das estacións e das súas angueiras, recibindo en especie os pagamentos dos labregos que lle corresponden por “dereito natural”. Así está establecido desde hai séculos. Don Caetano está casado con misia Xacinta ou Chinta, unha muller feituca, loura e moi devota. Teñen cinco fillos, tres homes e dúas mulleres. O maior, o morgado, é rebelde, soberbio, pouco agraciado e amigo das falcatruadas; só lle interesa comer, beber, ir de esmorga, as mozas e o xogo. Acaba participando no asasinato dun frade, xa que precisa cartos para farrear e quedar coa Xenara Corda, e ten que fuxir a Portugal. Isto leva a súa nai á cova, pois acaba falecendo vinte días despois. O Farruco é cativo de corpo pero figuraba gracioso, co cabelo rizo de cor negra e con cara linda, franco e destemido. Acaba enleado coa Xenara que pertence a unha caste de ladróns e aforcados. Os outros fillos chámanse Xenoveva, Laureano e Sabela.
No capítulo III preséntasenos a D. Xosé María, que se converterá no morgado do pazo da Pedreira. Nacera en Baiona onde a súa familia tiña unha casa, ademais dun pazo no Val Miñor. Varias desgrazas familiares, como a morte do irmán e da nai e a mala administración e a desidia, acabaron coa riqueza familiar que lle proporcionaban as rendas. Perante esta situación, acepta ir vivir cunha tía fidalga, a outra xa morrera, dona do pazo na montaña ourensá. Mais antes de abandonar a súa vila de nacenza, casa con misia Vicenta. Teñen dúas fillas: Ramona e Rosalía; no parto desta última morre a nai. D. Xosé Mª é preguiceiro, nugallán, bromista e xeneroso, coa bolsa sempre aberta, mais, sobre todo, mullereiro. Gústanlle todas e déixase querer por elas. Defende a ideoloxía liberal, sente escaso afecto pola Igrexa e fala mal dos cregos. Despois da morte da muller, a desorde e a desorganización entran no pazo e comezan a “encetárense as terras dos da Pedreira”. Amígase con Bibiana a Burata e vive amancebado con ela. Esta era larpeira e nugallá, sobriña de Zaparín, o seu criado borrachón e palanquín. A partir dese momento o pazo da Pedreira vai caendo na escaseza e na miseria, mentres a casa da Burata vai para arriba; cómese e bébese e hai festa acotío, pois ademais de non pagaren as rendas acaparan todos os bens e a riqueza do fidalgo.
Ten que intervir e coller as rendas a súa filla maior, Ramoniña, pois no pazo non queda xa nada ao que botarlle a man, nin sequera leña para quentárense e roupa que poñeren. A fame fai acto de presenza. A morgada é unha moza de complexión forte, fea, de maneiras pouco mullerís e intelixente. Por outra parte, Rosalía, a súa irmá, é doce, con bucles castaños, ollos azuis, alba fronte e cariña de rapaza celta mimosa; tiña medo de todo. Casa con Antonio Soutelo, militar de familia fidalga. Foron vivir a Monforte e máis tarde a Lugo.
A segunda parte do libro, “A maorazga”[4], comeza cun flashback para explicarnos o porqué do desterro de Antonio Soutelo en Trasouto. Era un mozo lugués, de xinea fidalga, militar que servira ás ordes de Espartero. Era liberal e no medio das loitas entre carlistas e liberais foi a prisión e fixéronlle un consello de guerra. Primeiro condenárono a morte e logo conmutáronlle a pena por desterro. Foi así como coñeceu a don Xosé María, fixéronse amigos e acabou casando coa filla.
Ramoniña dirixe o pazo e deféndeo dos embates de avogados, escribáns e picapreitos. Rosalía volve á casa viúva cun neno de seis anos: Paio. Logo duns días, chega Adrián, irmán de Antonio. Vén fuxindo, pois sobre el pesa unha condena a morte. É un fidalgo morgado con pazo en Lugo. Relata como el e mais o seu irmán participaron no levantamento dirixido por Solís en 1846 que acabou co fusilamento de doce militares en Carral. Antonio morreu durante a batalla en Sant-Iago e está enterrado no cemiterio do Sar.
Continúa a decadencia dos fidalgos. Don Caetano cae nas poutas da Tutana, unha moza filla dun xastre chamado Tutano que, pouco e pouco, se foi apoderando da riqueza e facéndose dona do pazo. O vello fidalgo acaba casando con ela e asinando un poder polo que Tutano se converte no administrador de todo; as gabetas baléiranse e as terras véndense a baixo prezo; en dous ou tres anos todo pasa ás mans dos seus amigos. O fidalgo, vello e decrépito, conclúe os seus días abandonado e arruinado. Mentres, os seu fillos e fillas, comestos pola preguiza e a gula, desertan das súas obrigas e responsabilidades e non son capaces de manter un mínimo de orde e dignidade na súa casa e nas súas vidas. O caso de Farruquiño é máis grave. O xogo teno dominado. Chega a cometer accións depravadas como prostituír e xogar nunha partida de cartas a súa amante, Xenara a Corda.
O capítulo V desta parte está dedicado a Adrián Soutelo. Co fin de gorecerse da condena que pesaba sobre el, vai vivir ao pazo da Pedreira. Para a xente de Trasouto resulta un personaxe estraño e chámanlle o Protestante. Fala pouco, sempre en galego, escribe, viste dun xeito pouco acostumado e dá a impresión de ser un dandi. Conta historias de persecucións sufridas pola liberdade -a xente admírao por iso- e coñece cousas da política. El mesmo se define como un fidalgo idealista e trasnoitado. A antiga riqueza da familia está a esmorecer de maneira definitiva. A súa epifanía ou descubrimento da realidade de Galiza coma terra sometida relátalla ao fidalgo de Vilerma. Marchara a estudar a París e alí coñecera os irmáns irlandeses O´Bryan e Edith, e o polaco Potocky. A comuñón e sintonía entre eles resultara ser moi intensa, pois pertencen a nacións que viven asoballadas por outra nación estranxeira. As súas linguas son silenciadas e arrombadas dos espazos públicos, desprezadas e relegadas a xergas. Por iso falan o gaélico, o polaco e o galego como un acto de reivindicación. Finalmente, Adrián viaxara cos irmáns irlandeses á súa terra, e esta experiencia convertérase para el nunha catarse ao descubrir o pasado común celta, un humus que impregna a cultura e as tradicións das nacións que teñen uns devanceiros comúns.
Esta parte do libro remata cunha traxedia e a baixada aos infernos da familia dos Doncos, e máis concretamente de Farruquiño. Este namórase dunha rapaza chamada Bertha coas trenzas louras, filla dun reloxeiro de orixe suíza e orfa de nai; acaban por facerse noivos. El leva unha vida licenciosa, de xogo, bebedela e prostitución, situación que ela descoñece. Ademais, a riqueza familiar xa desaparecera e vive nun pazo cheo de débedas e embargado; en fin, non ten unha cadela. Unha noite entra na casa pola forza, rouba, viola e mata a rapaza. Así nolo relata o autor: “Deitada tralo mostrador, afogada polas mans finiñas, o branco colo de cisne lixado e sanguento de mordedelas, só vivían as loiras trenzas desfiadas no chan” (p. 259). Acabou en prisión.
Na terceira parte do libro, “O estudante”, Paio, o sobriño de Adrián, converteuse xa nun un mozo louro cinsento, co cabelo rizo, corpo lanzal e ollos verdecentes e alegres. Rematados os estudos de bacharelato en Ourense, quere estudar medicina. Pasa o verán en Trasouto e un día atopa un caderno do tío titulado “O coto de Ushna[5]”. Nel, relata polo miúdo a súa viaxe a Irlanda en compaña de O´Bryan e Edith. Pasan por Normandía e Saint-Malo (Bretaña francesa), que lle lembra a Corme. Cando chegan a Eirín observa as semellanzas entre esta illa e Galiza: as dúas teñen o inimigo na casa e, igual que na terra de Sant-Iago, a miseria e a fame devoran o pobo empuxándoo á emigración. De feito, O´Bryan acabará por marchar a América e desde alí seguirá loitando pola redención da súa nación.
Paio realiza os estudos de medicina en Sant-Iago. É moi aplicado e estudoso, dado que é consciente do esforzo económico que supón para a súa familia. Vai dúas ou tres veces á semana ao cemiterio do Sar onde está enterrado o seu pai. Un día visítao o seu tío, xa moi envellecido, e fálalle do levantamento de 1846 e do Banquete de Conxo de 1854 no cal, estudantes coma Aurelio Aguirre e Eduardo Pondal se irmandaron cos obreiros nun xantar de fraternidade. Paio emociónase co relato destes feitos históricos e comeza e emerxer nel un sentimento de profundo amor pola terra. Cando se recibe ou licenza volve a Trasouto onde as cousas están a mudar moi ás presas. A carreteira[6] está a transformar a vida e as relacións destas xentes e, ademais, están a instalarse ao seu carón xentes vidas de fóra, os castellanos, que se dedican a mercar e vender, a nova caste dos tendeiros. Mercan o que hai polas casas, sempre aproveitándose dos labregos, e venden de todo. Con eles entra o comercio na aldea, o manexo do diñeiro e, paseniño, está a se perder o autoconsumo tradicional destes lugares. Axiña empezaron a mercar as rendas dos señores e a prestar cartos con intereses de usura. Non é unha clase social que valore positivamente Otero, pois son moi avaros, só pensan no negocio, e coas súas artimañas, enganos e estafas fanse cada vez máis ricos, mentres os fidalgos e labregos -algúns quedaron co día e a noite- deveñen cada vez máis pobres. Alén diso, non se integran, non respectan as tradicións e falan un idioma “estranxeiro” desprezando o noso. E namentres os castellanos inzan no país, a familia dos Doncos descende cada vez máis a un pozo de miseria humana e moral: un irmán fuxido, outro no cárcere, o Laureano, un deforme que non pinta nada, dá clases de letras e páganlle en especies, e as dúas irmás, Xenoveva e Sabela, dependen da Tutana, que acaba morrendo dunha farta de porco e de viño; as dúas senten paixón polos preitos. Sabela casará cun señorito do Ribeiro e vivirá pobremente.
Sendo estudante e traballando xa no hospital, coñece Paio un fidalgo chamado don Bernaldo de Moscoso, dono do pazo do Piñeiral, preto de Trasouto e que pasa longas tempadas en Madrid coa súa familia e as vacacións en San Sebastián. Comeza un noivado con Xulia, a súa filla, que non ha acabar en voda, pois ela, na derradeira carta que lle escribe, recoñece non querer pasar a vida recluída nun pazo da aldea. Tanto ela coma a súa familia desprezan a súa terra de orixe e incluso manifestan noxo pola cidade de Sant-Iago. Madrid é para eles, unha familia fidalga e con diñeiro, a referencia do bo gusto, da elegancia e do progreso. Alí poden asistir a corridas de touros e pasear pola Castellana. Todo o que simboliza Galiza para eles é un atraso. Escribe Xulia: “A mamá non pensa voltar a Galiza; alí todo son cursilerías, contos e atraso” (p. 347).
Durante a súa estadía na cidade compostelá recibe a visita do seu tío Adrián. Este aluga unha casa na cidade porque quere rematar os seus días aquí. Aproveita para contarlle ao seu sobriño que a súa namorada irlandesa Edith, debido a unha promesa, ingresou de monxa nun convento en Sant-Iago. Leva a Paio a visitar os lugares nos que acontecera a revolución de 1846: Mesón do Bento, Carral, Cemiterio de Santo Estevo de Paleo … Cando ao pouco tempo se enteira da morte de Edith, suicídase disparándose un tiro no peito. A súa vida de desacougo e sufrimento rematara. Será enterrado no cemiterio do Sar onda o seu querido irmán Antonio.
Paio teme rematar a carreira, pois aínda non sabe que camiño seguir: marchar a Madrid para facer o doutoramento e acabar de catedrático na universidade, ou exercer unha especie de “apostolado médico” na aldea axudando os veciños e a xente da contorna. Á fin volta á aldea e hase converter nun médico humanista e compasivo, ademais de gañar moito diñeiro para levantar os embargos que pesaban sobre algunhas propiedades da familia e vivir moi ben. A indecisión apodérase del e non é quen de tomar unha determinación. Por un lado, abrollan as ideas sobre a redención de Galiza que o tío lle inculcara; por outro, non ten a valor de abandonar as dúas velliñas e a xente da veciñanza que tanto necesita un médico. O lector ou lectora será quen decida na súa mente o camiño que Paio ha tomar.
Remata a obra coa exclamación: ¡TERRA A NOSA!
Os personaxes
Son múltiples os personaxes que aparecen na obra e resulta imposible describilos a todos, por iso, para sermos máis didácticos, imos agrupalos en “castes” sociais: a fidalguía, os labregos e a burguesía. Ao comezo da novela e dentro da fidalguía, hai dous grandes protagonistas: D. Caetano e D. Xosé María, os morgados dos pazos. Otero utiliza a técnica do contraste ou confrontación. O fidalgo da Seara é un acérrimo carlista, moi conservador, relixioso, apoucado, covarde e falso. Porén, o fidalgo da Pedreira é liberal, recto, sociable, vital; mais, os dous comparten os trazos da fidalguía galega decadente: falta de formación[7] e de tenacidade, incapacidade para conservar a facenda e manter o dominio señorial, déixanse entrampar polos escribáns e polas labregas que buscan o seu proveito, non fan nada de proveito e sucumben aos instintos máis primarios: comer, beber, xogar e o sexo. Como némese destes dous fidalgos está Adrián Soutelo, un home preparado intelectualmente, viaxado, sensible, idealista, animado por un romántico galeguismo; en resumo, un fidalgo, poderíase dicir, protonacionalista, pero falto de pragmatismo; por iso, un sentimento de fracaso apoderarase del ata a fin dos seus días.
O personaxe de Ramona, a morgada da Pedreira, é moi salientable e contrasta cos dous morgados anteriores, pois, malia ser muller, iso si con características máis ben masculinas, será quen de tomar o mando e con gran esforzo, tesón, espírito de sacrificio e capacidade de resistencia manter o pazo e sacar a familia adiante: a seu pai, a súa irmá, o seu sobriño Paio e durante longas tempadas a Adrián. Ela mesma afirma nun determinado momento: “A miña soltería gástase en coidar nenos e homes que parecen nenos” (p. 231). É querida e respectada por todos. Mais resulta unha excepción dentro do universo feminino da fidalguía, pois a muller tiña, en xeral, un papel subordinado e ancilar do home. Di don Caetano á súa muller: “As mulleres soamente falades atinadamente da roupa branca ou do goberno da despensa” (p. 89). Os outros personaxes femininos carecen dun carácter ben definido e preciso. As fillas de D. Caetano non serven para nada e sobreviven ociosas sen ningún tipo de formación, ambición e rifando entre elas; Rosalía, a irmá de Ramona, é unha moza sensible, medrosa que, ao quedar viúva, depende totalmente da súa irmá para manterse ela e o seu fillo, Paio. Este rapaz está chamado desde pequeno a redimir dos seus pecados a caste entrega da que descende. É traballador, instruído, íntegro, bo fillo e sobriño. É o punto luminoso que durante os anos de penuria e devalo económico e social permite confiar no renacemento da súa caste. Nel cífranse todas as esperanzas. Tanto a súa tía coma o seu tío centran todo o seu esforzo e as súas ilusións neste rapaz, logo mozo, que liberará a familia e, en consecuencia, a Galiza enteira.
Finalmente, o esmorecemento absoluto dos Doncos chegará cos crimes cometidos por dous dos seus fillos: o morgado e Farruquiño. A caste dos fidalgos, caste privilexiada, secularmente chamada a ser a clase dirixente e transformadora da sociedade galega, toca fondo dunha maneira dramática, vítima da incuria e de todos os vicios humanos posibles.
Outro grupo social é a caste labrega. Aparece como unha clase desdebuxada; apenas se presentan marcados individualmente e semellan actuar máis como unha colectividade. Viven nunha relación moi estreita coa fidalguía e son eles e elas os que traballan para mantérena opulenta, ociosa e indolente. Pagan as rendas forais aos señores dos pazos e varios impostos[8] á Igrexa, consolidándose nun sistema tradicional de asoballamento e submisión. Viven ao compás do pazo. Parece conformárense coa vida que lles toca vivir e case non reaccionan ante as inxustizas, os abusos, a fame e a usura que os empobrece e arruína sen remedio. Porén, imos destacar algún personaxe que ten algo máis de presenza ou que condiciona a vida dos fidalgos e fidalgas.
Tenacio, cachicán ou maioral das viñas do pazo da Seara, é o criado de D. Caetano. Home fiel e servicial acompaña o fillo morgado a Portugal cando a xustiza vai prendelo. O criado de D. Xosé María chámase Clemente Zaparín. É vellote, borrachón e nugallán e ten unha escopeta regalada polo señorito. Van xuntos de farra e os dous gustan das mulleres. O Torto é o xefe dunha partida de carlistas que, ademais de faceren falcatruadas polas aldeas, dedícanse a roubar.
Tres son as mulleres que teñen certa importancia no desenvolvemento da obra: Xenara Corda, Bibiana a Burata e a Tutana. Xenara é unha muller arteira, maliciosa e hábil que atrae e gusta aos dous fillos de D. Caetano, o morgado e Farruco, e ao propio D. Xosé María. Bibiana a Burata é a amante deste último e lamberalle case toda a fortuna; a Tutana aproveitarase dos bens de D. Caetano e morrerá dunha farta de comida e bebida. Malia aparentar que estas mulleres sen formación e sen fortuna, folgazanas e larpeiras, van prosperar a expensas da luxuria e debilidades da fidalguía, e grazas á súa astucia e falta de reparos, ningunha delas acaba ben. Quizais carezan de ambición e sensatez para manteren unha vida ordenada e administraren o diñeiro que van zugando, e reproduzan os mesmos vicios e carencias dos señores aos que pretenden seducir e enganar avesamente.
A fidalguía e o campesiñado eran as dúas castes tradicionais do mundo rural galego, mais a mediados do século XIX emerxe unha nova clase: a burguesía. A partir da construción da carreteira[9], a paisaxe comeza a cambiar e un novo modo de vida vai abríndose camiño. Chegan xentes de fóra, os castellanos, e comezan a construír casas nas beiras da estrada iniciando un comercio ata ese momento descoñecido. Mercan e venden de todo e o pagamento en metálico comeza a ser cotián. Os paisanos desconfían e os cregos vaticinan a fin do mundo. A aparición do primeiro carromato de catro bestas deixa a xente coa boca aberta. A economía tradicional baseada no autoconsumo vai desaparecendo e a vida da aldea, sustentada nos ciclos naturais, vai mudando: abre un forno de pan, instalan unha industria de velas; incluso se produce un cambio no sistema de alumear e o quinqué de petróleo causa pasmo na xente. Porén, non hai ningún personaxe deste grupo social suficientemente perfilado. Otero refírese a eles pola procedencia foránea e dunha maneira xenérica coma un colectivo indefinido: castellanos. Mais hai unha familia na que Otero se detén e incluso lle dedica o capítulo VII da segunda parte titulado: “As trenzas loiras”. Esta familia está formada polo pai, reloxeiro e xoieiro de orixe suíza que viñera escapando do seu país por motivos políticos, e unha filla, Bertha, unha burguesiña que soñaba con ser a señora dun pazo galego. Por desgraza, a atrocidade cometida por Farruquiño fanou a vida, as ilusións e aspiracións da moza.
Na historia da literatura vén considerándose a paisaxe como un personaxe máis dos que conforman o corpus literario do autor ourensán. Os humanos pululan e móvense por Trasouto, na bocarribeira ourensá, en función dos elementos que constitúen a paisaxe: a configuración orográfica, o minifundismo, os cultivos, a flora e a fauna -aparecen frecuentes referencias ao lobo. Todo ese ecosistema condiciona e marca o ritmo da súa vida. En todo a novela non aparece un só reloxo, guíanse polo nacemento e a posta de sol e o tempo mídese polas horas de luz e de escuridade. A actividade dos labregos, as angueiras, dependen absolutamente das estacións e dos ciclos vitais: tempo de sementeira, tempo de colleita, tempo de vendima; os produtos que cultivan[10]: millo, centeo, viño … son froitos gloriosos que sustentan as súas vidas e as dos seus señores, que reciben estas regalías cultivadas polas súas propias mans con moito esforzo. Otero recréase na descrición polo miúdo de todos os recunchos da aldea, e cando viaxan a Ourense ou Santiago demórase en sinalar cada un dos lugares polos que pasan. En definitiva, a paisaxe é un personaxe máis que reflicte a vida tradicional, os costumes e a forma de pensar da sociedade galega, neste caso da bocarribeira ourensá.
Contido histórico e ideolóxico
Como xa se dixo máis arriba, Os camiños da vida é unha novela na que o autor pretende debuxar a transformación da sociedade galega a mediados do século XIX: o paso dunha sociedade tradicional na que rexían unhas normas consuetudinarias de vello, e na que a clase da fidalguía e a clase labrega se fundían nun todo onde cada cal tiña a súa función e se respectaba o statu quo. Vivían dun xeito case autárquico e apenas precisaban de produtos foráneos. Os pazos incluso tiñan sistemas de autodefensa ante roubos, bastante frecuentes, ou calquera tipo de ataque. Todo ese ecosistema foi abalando e derrubándose pola falta de liderado da clase fidalga, e o baleiro deixado foi ocupado pola nova clase emerxente da burguesía.
Mais no libro, que pode considerarse un ensaio histórico novelado, Otero introduce unha serie de acontecementos históricos que, ademais de influíren na vida das familias protagonistas inflúen tamén na propia historia de Galiza. O primeiro capítulo remata coa nova da aprobación da Lei de Desamortización de Mendizábal (1836), que afectou sobre todo aos bens da Igrexa ao seren vendidos e acabaren nas mans de grandes propietarios e burgueses, sen beneficiaren en nada o pequeno campesiñado. Tamén transita pola obra, sobre todo nos primeiros capítulos, o tema das Guerras Carlistas e as partidas que percorrían Galiza apoiadas e custeadas por fidalgos coma don Caetano e o crego don Xacobe, e nutridas por paisanos que, ao necesitaren cartos, actuaban mercenariamente. Reflicte a loita entre os defensores do Antigo Réxime cun modelo político absolutista e os que combatían por manter o Novo Réxime liberal[11]. A consecuencia da vitoria do Novo Réxime foi o empoderamento do Estado que se introduce na gobernanza do campo, antes liderada polos señores e agora polos funcionarios. A partir dos anos trinta organizouse o Estado en novas divisións baixo a denominación de provincias e municipios. Desde o punto de vista xeográfico, en Galiza produciuse un reagrupamento das sete antigas provincias nas catro actuais desaparecendo as de Santiago, Betanzos e Tui, e instáurase a figura de xefe político, logo chamado gobernador civil, en cada unha delas. Configuráronse máis de trescentos municipios e corenta e sete partidos xudiciais. Aparece a nova figura de recadador de impostos para o Estado. Toda a estrutura tradicional de convivencia, relacións, dependencia e economía cambia definitivamente nesta etapa. Descríbese así a nova situación:
Naquel tempo a idea de Estado comezaba a facer forza na aldea. Ata entón gobernaban potencias antergas, visibles, presentes. O poder estaba representado por monxes e cregos, por fidalgos cobradores e comedores mais ó tempo cheos de confianza cos paisanos. Moito tardou a idea abstracta do Estado en se sentir nos eidos. Daquela estaba no pazo o Estado na persoa dun novo tipo, nin labrego, nin señor. Co tempo os recadadores fixéronse señorotes (p. 177).
Conectado con este profundo cambio estrutural do Estado español, está o nacemento nos anos corenta dun movemento de reivindicación galeguista, promovido por intelectuais e políticos chamado Provincialismo. Esta denominación deriva da súa posición en contra da división provincial e a pretensión de reducir a unidade de Galiza aunha soa provincia con identidade propia. Pedían, ademais, a autonomía administrativa, a modernización económica e a recuperación da cultura galega. Otero preséntao como un movemento romántico e Adrián Soutelo sería o representante e transmisor da ideoloxía ao seu sobriño que nun futuro, probablemente, asumirá o rol do seu tío e converterá a Galiza no centro dos seus desvelos.
Centrándonos en feitos históricos que afectan máis directamente a Galiza, a Revolución de 1846 é un acontecemento central na obra. No capítulo III da segunda parte titulado “O scherzo da Heroica”[12] sabemos o que lle aconteceu a Antonio, marido de Rosalía e pai de Paio, pola boca de Adrián; e no capítulo V da terceira: “O suicidio de Werther”, percorre co seu sobriño os lugares nos que se produciran as últimas escaramuzas e o fusilamento dos militares. Os irmáns Soutelo son vítimas en diferente grao deste levantamento ou pronunciamento cívico-militar que acabou en traxedia. Comezou en Lugo, dirixido por Miguel Solís Cuetos, comandante que accedera á Capitanía Xeral de Galicia, cuxo titular era Francisco Puig Samper, e axiña se sumaron outros militares. Creáronse xuntas nas cidades e unha Xunta Central en Santiago, que se constituíu coma Xunta Superior de Galiza. Despois de varios enfrontamentos entre os sublevados e as tropas leais ao goberno, cuxo momento álxido será a “batalla de Cacheiras” o 23 de abril de 1846, onde foron derrotadas as tropas de Solís, estas fixéronse fortes no mosteiro de San Martiño Pinario, lugar no que finalmente non tiveron máis remedio que se render. Solís e outros oficiais foron fusilados tres días despois en Carral, preto da Coruña. Hoxe son coñecidos como “Os Mártires de Carral”.
Monumento aos Mártires de Carral
No capítulo II da terceira parte titulado “A rúa de Mazarelos”, Adrián refire un feito que tivo lugar en Conxo en 1854 e que se coñece como “O banquete de Conxo”. Por primeira vez estudantes e obreiros confraternizaron e realizaron varios brindes. “Fermosa aperta do estudo co traballo!” (p. 290). Entre os asistentes estaban Aurelio Aguirre e Eduardo Pondal. Reproducimos as palabras exactas que Otero pon na boca de Adrián ao relatarllo ao seu sobriño:
O pobre -refírese a Aguirre- morreu afogado na Coruña ós poucos anos … O outro debe andar de médico por algunha aldea. Polo que teño ouvido, é unha alma de poeta. De bardo. ¿Ti sabes que nos tempos heroicos os pobos eran guiados, máis que por reis e sacerdotes, polos graves consellos dos poetas? Toda a heroicidade ten que ser por eles dirixida. Agora mesmo, nesta Europa que se gaba de ser tan culta, hai moitas razas que sofren baixo a tiranía estranxeira. Pensaríase que están mortas se non falara a súa alma nos versos dalgúns poetas. A pobre Galiza, aldraxada por todos, salvarase cando acerte a ser ergueita polas palabras dun bardo. Eu sospeito que aquel mozo, que é da terra de Bergantiños, fará algo pola nosa lingua esquencida. E sobre todo polo sentimento da patria. Olla para ese Sant-Iago. Poida que co tempo sexa unha verdadeira capital (p. 290).
Outro dos temas que aparece en varias ocasións ao longo do libro é a orixe celta de Galiza e o seu vínculo con outros países ou territorios que teñen a mesma xénese. No capítulo VI da primeira parte titulado “Unha tertulia”, un exclaustrado narra as prístinas raíces do mosteiro de Oseira vinculadas á civilización celta; os druídas e os bardos presentían a fin do seu poder e algúns atravesaran o bravo mar desde Eirín ata os cons feros dos ártabros. Preto de Oseira as augas formaban mornos lagos, de feito consérvanse topónimos coma As Lamas e Aguada; alí vivía un monstro secular, deforme, escamado, feito para asustar os guerreiros de Artur e as fórmulas máxicas dos celtas fallaban; só había un rapaz noviño, louro, un milagre de sabedoría e humildade que, axudado por Deus, perdeu o medo e encamiñouse ao lago. O dragón, ao ver o rapaz destemido, confésalle que é o último dunha caste maldita. Vai morrer porque os novos tempos son chegados e Cristo ha reinar nesta terra. O rapaz será o primeiro en dicir misa nunha serra tan esgrevia, templo dos druídas, lugar onde se ha construír o mosteiro cristián.
Mosteiro de Oseira
No capítulo V da segunda parte titulado “O tío de Fóra”, refírese a Irlanda como un país celta; e no primeiro da terceira parte titulado “O coto de Ushna”, Adrián narra nun caderno para o seu sobriño a viaxe iniciática por varios países ou rexións celtas en compaña dos irmáns irlandeses O’Bryan e Edith, a epifanía que supuxo para el e que logo intenta transmitir ao seu herdeiro ideolóxico, o seu sobriño Paio. En definitiva, a nosa orixe celta común vincúlanos con outros pobos asentados xeograficamente á beira do Atlántico, e esta orixe marcou a nosa forma de vida e incluso os nosos trazos físicos, pois cando o narrador describe alguén fermoso sempre ten o pelo louro, os ollos claros e a pel branca, mantendo así o mito das raíces nórdicas que os galegos conservamos no noso ADN.
No capítulo II da segunda parte, “O barco negreiro”, Otero introduce un episodio tráxico relativo á “emigración” de mozos galegos. Nunha época de fame negra por causa das malas colleitas e andazos, tres señorotes: o escribán Petapouco, o señorito da Casa das Tres, arruinado pola xogueta e en bancarrota, e o habaneiro, traman como embelecar os rapaces de Trasouto, a Limia e arrabaldes de Ourense, e levalos escravizados. Eran pobres, a maioría analfabetos, mais lanzais, louros, “homes de ouro”. Xenara a Corda saíu ao seu encontro cando partían e pediulles que non marchasen, que todo era un engano e un encalatro, pero eles xa estaban seducidos por unha imaxe idealizada de América e da fortuna que podían conseguir. Desgraciadamente, traficaron con eles e acabaron en África. Nunca máis se soubo. Reproducimos as magoantes palabras que Xenara lles dirixe aos mozos:
Non camiñedes, meus filliños inocentes. Ides vendidos coma unha grea de ovellas, tratados como escravos. Eses homes sonvos peores que os xudas que venderon a Noso Señor. Ouvídeme, homes e rapaces de Trasouto: habedes de pisar o meu corpo maldizoado denantes de andar un paso máis. ¡Ouvide, nin un voltará, non veredes máis as centeeiras nos eidos! ¡pobres pais! ¡Pobres nais! ¡Malditas mulleres! Nunca Deus me dera. Oxalá me arrincara os ollos denantes de que tal cousa ollaran. Inda estades a tempo. ¡Rachade o papel!. Perdede os cartos! (p. 199).
Conclusión
Otero Pedrayo describe nesta obra de carácter histórico e realista a transformación profunda da sociedade tradicional rural galega durante un período de aproximadamente trinta anos. A novela revélanos unha fidalguía que dimite das súas funcións de liderado e provoca o colapso dun hábitat que se viña mantendo secularmente en equilibrio. Pedrayo, pertencente por xinea a esta clase social, non ten consideración con ela, a non ser o personaxe de Ramona e a do seu sobriño Paio, que simboliza o fidalgo comprometido coa súa terra e coa súa historia. A burguesía foránea triunfante é vista como un grupo social materialista e rapineiro, non integrado, descoñecedor da realidade, as tradicións e a lingua e cultura galegas e, alén diso, cunha mentalidade colonialista e soberbia de desprezo por todo o que representa Galiza. Desafortunadamente, unha nova realidade social, que non agrada ao autor, está a emerxer e a derrubar unhas características identitarias propias que definen a nosa singularidade e nos conforman coma un pobo e un país diferenciado dentro do Estado español.
A transformación profunda da sociedade galega consumouse nesta etapa. Galiza nunca máis ha volver ao seu ser tradicional e a nova realidade que despunta desgusta e incomoda a esa elite social formada pola fidalguía, que por inacción, abulia e neglixencia, camiña cara ao suicidio colectivo e extinción definitiva como clase dirixente privilexiada.
[1] Otero Pedrayo, Ramón (1990): Os camiños da vida. Vigo, Editorial Galaxia.
[2] Trasunto significa copia, imaxe ou reprodución fiel de algo ou alguén.
Quintana, X. Ramón e Valcárcel, Marcos (1988): Ramón Otero Pedrayo: vida, obra e pensamento. Vigo, Ir Indo Edicións.
[3] A Revolución de Outubro de 1868, un levantamento militar e popular, é coñecida como A Gloriosa. Derrocou a Isabel II e deu inicio ao Sexenio Democrático en España. Ao ano seguinte (1869) aprobouse unha nova constitución, unha das máis liberais do século XIX.
[4] Maorazga é a forma usada por Otero, mais a considerada correcta desde o punto de vista mormativo é morgada, que significa filla ou fillo maior herdeiro dos bens familiares.
[5] Uisneach ou Ushna é coñecido coma o embigo ou centro xeográfico e sagrado de Irlanda. Na obra de Pedrayo representa o lugar de encontro das cinco provincias históricas da illa.
[6]Conservamos esta forma, malia ser un castelanismo, porque nos parece importante. Estrada sería a forma adecuada se respectamos a normativa vixente.
[7] D. Xacobe, o abade da parroquia, afirma o seguinte tocante ao interese de misia Xacinta en que o seu fillo morgado estudase: “As letras sonlle boas para os fillos dos pobres que non gustan do rabo da aixada e queren medrar collidos ás faldras do señorío. ¡Coitado rapaz! Nado herdeiro e fidalgo para escachar a testa estudando. ¿Vostede que estudiou, don Caetano? Cobrar as rendas e mandar na xente, ¿non é, meu señor?” (pp. 88-89).
[8] A Igrexa era receptora de varias cargas impositivas: o Décimo, chamado así porque represantaba a décima parte dos bens agrícolas e gandeiros obtidos polo labrego. Este imposto foi abolido nos anos trinta e posteriormente substituído por outro chamado Presupostos de Culto e Clero. Outros pagamentos obrigatorios eran as Oblatas, as Primicias, os Dereitos de estola e Pés de Altar e a Luctuosa ou Abadía.
[9] A primeira estrada moderna de Galiza, deseñada para o tráfico de carruaxes, foi a que conectaba Villacastín con Vigo, iniciada arredor de 1860.
[10] Durante os séculos XVII e XVIII consolidouse o cultivo do millo e durante o XVIII e XIX o da pataca, produtos orixinarios de América; porén, decaeu o consumo da castaña, froito con moita importancia na tradición alimentaria de Galiza.
[11] O Antigo Réxime en España era un sistema baseado na monarquía absoluta, a sociedade estamental con privilexios para nobreza y clero e una economía principalmente agraria. O Novo Réxime liberal en España baseábase nunha monarquía constitucional, a igualdade ante a lei e unha economía liberal sustentada na propiedade privada e no capitalismo.
[12] Este título remítenos ao 3º movemento da Sinfonía nº 3 de Beethoven e transmite unha mensaxe de liberdade, heroísmo, drama e triúnfo. O autor dedicoulla a Napoleón e máis adiante retirou a dedicatoria cando este se autoproclamou emperador o 18 de maio de 1804.

Pilar Freitas Juvino
Profesora de Galego
Son Pilar Freitas Juvino e nacín en Campo Lameiro en 1960. Os estudos primarios realiceinos na escola pública desta vila e aos 11 anos marchei interna a un colexio de Tui. Alí estudei o bacharelato no instituto San Paio ata o ingreso na USC onde me licenciei en Filoloxía Románica. Rematada a carreira, estiven durante o curso 1982-83 como auxiliar de conversa de español na cidade de Bayonne, en Francia.
De volta a Galiza, comecei a dar clases como profesora de Lingua e Literatura Galega en diferentes institutos ata recalar no ano 1986 no IES Valle Inclán. Alí permanecín durante todo o resto da miña carreira profesional.
En 2006 doutoreime en Filoloxía Galega cunha tese sobre a represión lingüística en Galiza durante o século XX, tese que máis tarde publicou a editorial Xerais baixo o mesmo título.
Desde o ano 2012 ata 2022 fíxenme cargo da dirección do centro, cargo ao que tiven que renunciar por motivos de saúde.
Considero que esta nova etapa que estou a afrontar debe ser unha etapa arrequecedora, activa e frutífera; por iso a posibilidade que colaborar neste blog ou bitácora e achegar un miúdo gran de area sobre un dos temas que máis me interesan, como é a situación da lingua galega no seu contexto histórico e social, supón para min unha gran motivación e representa unha oportunidade de dar a coñecer a nosa realidade lingüística, tanto pasada como actual.
Orixe e antigüidade do idioma Galego
máis artigos
♥♥♥ síguenos ♥♥♥