A Peneda Cabezuda luguesa por Anxo González Guerra

A Peneda Cabezuda luguesa por Anxo González Guerra

A Peneda Cabezuda luguesa

Agora que vén o bo tempo podemos aproveitar para visitar lugares descoñecidos da Nosa Terra. Hoxe propóñolles aos seareiros de De vella a bella este lugar esquecido do meu Carballedo nativo.

Na N-540 saímos de Chantada cara a Ourense e antes de chegar á rotonda da autovía A-56 collemos á esquerda por unha pista e axiña atopamos a Peneda, que está sinalizada no Google Maps.

A Peneda Cabezuda está no Monte da Serra, na estrema entre as parroquias de Milleirós e Pradeda (Carballedo), Pereira e Vilaúxe (Chantada); non é monte común, son eidos particulares. Conta o meu tío Paco que de neno ía coas vacas para alí, xuntábanse os do Barrio de Puga (Pradeda), Xedive (Pereira), Peago (Milleirós), deixábanas pacendo e  non miraban para elas ata a hora de recollelas.

peneda cabezuda
A Peneda Cabezuda
detalle da cabeza
Detalle da cabeza

O nome de “Peneda Cabezuda” débese a que se pode enxergar o perfil dunha cabeza humana (muller?) deitada boca arriba, se se mira desde determinadas posicións, por exemplo poñéndose ao norte da pedra. Á miña nai contáballe a súa avoa que hai moito tempo viña unha moura fiando na roca, pousou o vulto que traía na cabeza (a parte da peneda máis alta), deitouse a descansar e alí quedou petrificada. Na Wikipedia en galego dise que na década de 1940 os soldados poñían a bandeira de España nos sitios altos ou importantes, e a Peneda Cabezuda era un deles. Cando me tocou “servir” en Regulares de Ceuta vin “La Mujer Muerta”, aquela peneda é ben máis grande que a nosa, pero está mellor perfilada a cara da galega, que para min é “máis riquiña”. Cando se me facían duras as gardas miraba para “La Mujer…” que me lembraba a “Cabezuda” e “morriña fóra”.

En Galicia Encantada recóllese que alí estiveron os mouros, andaban por debaixo da terra, deixaron as marcas nas penedas e chamábanse Zacocho, Tucho e Cachote. E tamén se podía atopar ouro se se ía con pata de cabra ou roda de carro. No blog dos Parentes (gandeiros) dise que está a carón da Pedra da Marrá, unha peneda cortada na que se pode meter unha persoa polo medio dela, cousa que lles daba moito xogo aos cativos que gardaban o gando.

Outro valor engadido destas penedas son os petróglifos, descubertos por Roi Fernández, catalogados por Begoña González e dados a coñecer por Televinte Chantada: coviñas, cazoletas, elipses. Ademais, desde estas penedas vese moita larganza cara ás terras de Chantada, Lemos e Ourense, por iso figura como miradoiro na web do Concello de Carballedo.

A Peneda da Marrá e detrás a Peneda Cabezuda
A Peneda da da Marrá e detrás a Peneda Cabezuda
A Peneda da Marrá
Peneda da Marrá

Esta visita á Cabezuda é un bo momento para lembrarmos o mito da “moura” galega, algo que os investigadores pontevedreses Rafael Quintía e Buenaventura Aparicio consideran que debía ser obrigatorio nas escolas, porque así é como entendían o mundo os nosos devanceiros. O mesmo podemos facer coas lendas dos mouros relacionadas coa procura do ouro. Alí buscaremos os petróglifos, a Peneda da Marrá e sentaremos nunha pedra para degustar a paisaxe desta Galiza central. Sentaremos nunha pedra porque non hai ningún banco nin sinal, nada, só a natureza. Tampouco hai aglomeracións de turistas. Case mellor así.

Paisaxe desde a Peneda cabezuda
Paisaxe desde a Peneda Cabezuda

E desde alí podemos continuar cara á ribeira do Sil, a do Miño, o Románico da Ribeira Sacra, Ourense… que está moi ben situada esta pedra. Mesmo xantar na Barrela ou en Castro de Carballedo, que se come moi ben.

Boa viaxe e bo proveito, amiguiñes!

Anxo González Guerra

Anxo González Guerra

Profesor de Galego

Son Anxo González Guerra. Crieme entre Trasar de Carballo e a Cervela, lugares da montaña luguesa. No Seminario tiven de profesor ao mestre das etimoloxías Nicandro Ares, no Instituto a Alonso Montero, no Colexio Universitario a Anxo Tarrío e na Facultade de Filoloxía a Carvalho Calero. Terán algo que ver en que sexa un dos integrantes da 1ª promoción de Galego-Portugués?

De xaneiro de 1980 a abril de 2015 fun profesor de Lingua Galega e Literatura no IES Sánchez Cantón onde tiven alumnos e alumnas marabillosos. Desde 2005 Vitoria Ogando e mais eu fomos poñendo materiais na Internet: ogalego.eu. E seguimos de xubilados.

Alá na miña terra da infancia aos xubilados dáselles por traballar unha ribeira ou un morteiro. A min dáseme por cousas de lingua e literatura, alí onde queiran escoitarme. A cabeza non para, non convén estar ocioso.

Lembranzas das mestras da infancia

O vello cárcere de Lugo e a memoria

Felices Peregrinas

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥

Felices Peregrinas por Anxo González Guerra

Felices Peregrinas por Anxo González Guerra

Agardo que se len isto os grupos municipais da Boa Vila non me retiren o meu medio Cidade de Pontevedra (a outra metade é de Vitoria Ogando) por mor de que nunca estiven nos días grandes das Peregrinas. Empecei a traballar no Sánchez Cantón o 7 de xaneiro de 1980, rematei o 31 de xaneiro de 2015 e en Pontevedra (e Bueu) sigo de xubilado. No 1981 non puiden estar nas festas porque andaba desfilando nos Regulares de Ceuta e os outros anos tampouco porque sempre coinciden co San Lourenzo do meu nativo Cartelos (Carballedo-Lugo), e xa se sabe que “o home onde nace e o boi onde pace”. Tamén saben os lectores de De vella a bella que sexan de aldea que os días da festa da parroquia son sagrados para as familias; agás hospital ou servizo militar hai que estar. O señor José de Trasar era moi limpo pero só se lavaba unha vez ao ano de corpo enteiro, na mañá do San Lourenzo poñía unha pía de auga da fonte na solaina e refregaba cun anaco de xabón mercado ex professo na feira de Chantada.

Agora xa non están os pais, pero aínda hai irmáns e cuñadas, polo que segue sendo obrigatorio o noso San Lourenzo. Ademais estes dous últimos anos as ramistas son mulleres e organizan unhas festas moi xeitosas e participativas nas que priman os grupos da contorna fronte ás aparatosas orquestras e tampouco hai bombas, que moito o agradecen os cans da parroquia.

Imaxe de San Lourenzo
Imaxe do San Lourenzo de Cartelos en 2024
Festas da Peregrina 2024
Cartel das Festas da Peregrina 2024
Cartel das Festas do San Lourenzo de Cartelos 2024
Cartel das Festas do San Lourenzo de Cartelos 2024

O San Lourenzo non é o patrón da parroquia, que é o Santo Estevo, mais o Estevo celébrase en decembro, mal tempo para as festas, polo que sempre se festexa o Lourenzo. A imaxe xa vai indo vella, mesmo perdeu a grella pero non nos importa aos de Cartelos, seguímoslle tendo agarimo. Igual había que pintalo, pero vendo algunhas restauracións famosas quizais sexa mellor deixalo como está. Isto de pintalo vén de vello, que un veciño do tempo dos meus avós cando lle falaban de algo que non lle interesaba contestaba “imos pintar o San Lourenzo, imos pintar o San Lourenzo”.

Non se poden comparar as festas de Cartelos coas de Pontevedra, sería como equiparar unha formiga cun elefante. Agora ben, en carballos gaña Cartelos que o Carballo de Cartelos é máis grande e antigo que o Carballo de Santa Margarida. Volvendo ás Peregrinas, cando o Paulo era pequeno sempre tentabamos chegar para a batalla das flores e todos os anos imos á homenaxe a Alexandre Bóveda en Curros Enríquez (varios netos de Bóveda foron alumnos). Así que algo de festas pontevedresas si, pero pouco.

Homenaxe Alexandre Bóveda
Acto en honra de Alexandre Bóveda en 2024

Tampouco fun nunca aos touros en San Roque, pois en Trasar sempre fomos de ter vacas e a miña familia dos Parentes pasa hoxe das trescentas. Nin me integrei en ningunha das “famosas peñas”, e non estaría mal, disque o mesmo Castelao saía cos das peñas aínda que tamén predicaba contra as touradas.

Igualmente nunca fun convidado ao baile ese do Casino no que as mozas se presentan en sociedade, iso si, mentres daba clases sempre tiña algunha alumna nese acto. A miña relación co Casino de Caballeros vén de que botei un mes pendurado nunha parede do salón nobre, non pensen mal, foi a miña cara, que a amiga Alba Paz Framil agasalloume cun retrato da súa autoría que levou á exposición do Casino. Isto do Casino e Pontevedra é curioso, xa escoitaba contar no Santiago universitario como algúns mozos “progres” e “comunistas” poñían o “smoking y pajarita” para iren aos bailes do Casino. Cousas que hai que entender no momento e situación como cando conta o Afonso Eiré que el, Manuel María e Bautista Álvarez celebraron un gol da selección española nun bar de Santiago para abraio de outros nacionalistas. A vida é así, xa o dicía o señor Indalecio “cada un ten o seu intestino, para o estómago ao Jaime préstalle o bicarbonato e a min vaime mellor a augardente”.

Seguindo coas festas, chócalle a moita xente de fóra que as nomeen así, en plural: as Peregrinas. Non sei cal é a causa, que non son PTV, aínda que leve 44 anos bebendo a auga do Lérez. Alá por Mondoñedo tamén se di “As San Lucas” por “as feiras de…”. Tanta tradición ten o nome que cando en Lugo se empezou a festexar o “Arde Lucus” moita xente dicía “As de Lucas” (“mañá vou ás de Lucas”).

Sexa en Pontevedra ou en Cartelos o caso é gozar das festas cadaquén cos seus; sexa co Lourenzo ou coa Peregina a xente do campo xa agradece a choiva: “se chove polo San Lourenzo ten a auga bo recibimento”, “Polas Peregrinas inverno encima”.

Bo outono teñan as lectoras e lectores do De vella a bella. E mellor se puideron gozar das grandes festas da Peregrina.

Post: como teño alumnos/as nos tres grupos municipais seguro que me perdoan que non vaia ás Peregrinas e o premio poderá seguir lucindo no salón da nosa casa.

Anxo González Guerra

Anxo González Guerra

Profesor de Galego

Son Anxo González Guerra. Crieme entre Trasar de Carballo e a Cervela, lugares da montaña luguesa. No Seminario tiven de profesor ao mestre das etimoloxías Nicandro Ares, no Instituto a Alonso Montero, no Colexio Universitario a Anxo Tarrío e na Facultade de Filoloxía a Carvalho Calero. Terán algo que ver en que sexa un dos integrantes da 1ª promoción de Galego-Portugués?

De xaneiro de 1980 a abril de 2015 fun profesor de Lingua Galega e Literatura no IES Sánchez Cantón onde tiven alumnos e alumnas marabillosos. Desde 2005 Vitoria Ogando e mais eu fomos poñendo materiais na Internet: ogalego.eu. E seguimos de xubilados.

Alá na miña terra da infancia aos xubilados dáselles por traballar unha ribeira ou un morteiro. A min dáseme por cousas de lingua e literatura, alí onde queiran escoitarme. A cabeza non para, non convén estar ocioso.

Lembranzas das mestras da infancia

O vello cárcere de Lugo e a memoria

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥

O Vello Cárcere de Lugo e a memoria por Anxo Gonález Guerra

O Vello Cárcere de Lugo e a memoria por Anxo Gonález Guerra

O Vello Cárcere de Lugo e a memoria

Anxo González Guerra, ex-seminarista

Cando estudaba no Seminario de Lugo (1966-1972) ás veces algúns balóns pasaban por enriba do muro do cárcere e había que dalos por perdidos: os campos de deporte do Seminario Maior e o Cárcere compartían parede e escoitabamos como pasaban o ferro pola reixas cando os gardas facían as rondas.

En 1975 cando xa estaba no Colexio Universitario de Lugo fun co amigo Antón a unha manifestación e cargaron os “grises”. Escapamos os dous correndo e metémonos na catedral ata que intuímos que xa pasara todo. Foi aí cando el se decatou de que cos porrazos lle caera o cartafol das clases, volvemos pola mesma rúa pero non atopamos nada e cada un marchou para a súa pensión. Ao día seguinte el non veu ás clases e axiña soubemos o que pasara. Como levaba no cartafol a cartilla da Caixa de Aforros na que estaba o seu enderezo familiar, inmediatamente foron buscalo alí e logo á pensión luguesa. Botou tres días na comisaría e dous no cárcere ata que seu pai pagou 15.000 pesetas de fianza, quedou con causa aberta no Tribunal de Orde Pública e expulsárono da Universidade. Menos mal que os profesores o deixaban asistir ás clases e mesmo lle gardaron as notas ata que o TOP desapareceu e con el borrouse toda a acusación, pero das 15.000 pesetas non se volveu saber.

Despois de 50 anos, unha boa parte dos que empezaramos en Lugo os estudos de Filoloxía (os primeiros en facer alí tres cursos de Filoloxía) volvemos xuntarnos en marzo. E como toda boa xuntanza ten que haber un xantar, que mellor sitio ca Lugo para iso. Pero antes quedamos no Vello Cárcere, que agora é un centro social e museo, para acompañar a Antón, que non volvera alí desde que estivera preso (eu foi a primeira vez que traspasei aquel muro, a primeira vez que vin por dentro onde caían as pelotas dos seminaristas). Foi moi emocionante porque, ademais, fíxonos de guía o tamén compañeiro e amigo Claudio Rodríguez Fer, que tanto ten contribuído á recuperación da memoria histórica e tamén colaborou activamente achegando material para a exposición permanente.

Vimos a cela na que estivo Antón, a que ocupou o pai do propio Claudio e a do avó da nosa tamén compañeira Elisa V. Hai unha listaxe de presos na que está o avó do amigo xubilado do Valle Inclán Andrés Vilán, que estivo preso alí e saíu para ser fusilado na tapia do cuartel da Garda Civil. Vendo aquelas historias tamén me lembrei do avó da coordinadora de De vella a bella, Charo Valcárcel, asasinado na Estrada polos golpes dos falanxistas. E do pai da amiga Ramona, mestre preso en San Simón.

Alí mesmo tamén nos contou o compañeiro Antón G. que naqueles anos do Colexio Universitario fora detido por ser comunista e tivera que marchar ao servizo militar obrigatorio e fora multado e expulsado da Universidade. Alí no Vello Cárcere fixemos memoria dos nosos malos tempos e dos tempos dos nosos avós, ben peores ca os nosos.

Xa no xantar lembramos a vida luguesa da nosa mocidade e de cando lle fixemos o boicot á materia de Literatura Española en xuño e setembro. Tiñamos de profesor un seguidor dos métodos de Moreno Báez que era quen de nos sacar a todos o gusto pola literatura. Por iso nos erguemos contra el, ata contamos co ánimo de El Progreso, recibiunos o director e apoiou as nosas reivindicacións. A min servíronme aquelas clases moito, servíronme para facer logo como profesor todo o contrario do que vin e sufrín naquelas clases de literatura. Non hai mal que por ben non veña.

Fixen aquel día, ida e volta, case 400 km de condución. Cando me deitei custoume moito coller o sono e non era polos cafés, era pola “memoria”, lembrei cando á miña avoa lle dixeron en Chantada que “menos mal que lle morrera o pai que senón tiñan que llo matar por republicano” (tivo “a sorte?” de morrer de enfermidade en decembro do 35… era o papá Ánxel do Arrieiro, o meu bisavó).

Na miña vida hai anos que pareceron durar un día e hai días que pareceron durar un ano, coma este de marzo de 2024.

Anxo metido nunha cela
Anxo metido nunha cela 
recreación da vida nunha cela
Recreación da vida nunha cela
Anxo González Guerra

Anxo González Guerra

Profesor de Galego

Son Anxo González Guerra. Crieme entre Trasar de Carballo e a Cervela, lugares da montaña luguesa. No Seminario tiven de profesor ao mestre das etimoloxías Nicandro Ares, no Instituto a Alonso Montero, no Colexio Universitario a Anxo Tarrío e na Facultade de Filoloxía a Carvalho Calero. Terán algo que ver en que sexa un dos integrantes da 1ª promoción de Galego-Portugués?

De xaneiro de 1980 a abril de 2015 fun profesor de Lingua Galega e Literatura no IES Sánchez Cantón onde tiven alumnos e alumnas marabillosos. Desde 2005 Vitoria Ogando e mais eu fomos poñendo materiais na Internet: ogalego.eu. E seguimos de xubilados.

Alá na miña terra da infancia aos xubilados dáselles por traballar unha ribeira ou un morteiro. A min dáseme por cousas de lingua e literatura, alí onde queiran escoitarme. A cabeza non para, non convén estar ocioso.

Lembranzas das mestras da infancia

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥

A paixón pola lingua e o ensino que continúa máis alá da xubilación

A paixón pola lingua e o ensino que continúa máis alá da xubilación

A paixón pola lingua e o ensino que continúa máis alá da xubilación

Concedemos protagonismo ao colectivo pontevedrés “De vella a bella” para coñecer os intereses e preocupacións das persoas +60 da nosa cidade. Hoxe visítanos Manuel Lastra en compañía dos catedráticos de Lingua Galega e Literatura xubilados Vitoria Ogando Valcárcel e Anxo González Guerra para falar de lingua, docencia e da web que crearon hai case 20 anos: ogalego.eu

 

Anxo e Vitoria
Manuel Lastra Galiano

Manuel Lastra Galiano

Profesor de Lingua Galega

Son Manuel Lastra Galiano. Nacín hai case sesenta e un anos en Salcedo, ao lado de Pontevedra.

Sempre me gustou a literatura polo que decidín estudar Filoloxía e facerme profesor. O curso pasado puxen fin á miña etapa de docente despois de exercer durante trinta e sete anos, trinta deles no IES Valle Inclán desta cidade.

Penso que a xubilación non debe implicar o cese da vida activa. Ao contrario, agora podo dedicarme á realización de moitas actividades lúdicas e culturais que tiña aprazadas pola falta de tempo.

A publicación deste blog responde a esta ansia de manterme activo. Xunto cos meus compañeiros, espero que as propostas que vos fagamos sexan do voso agrado.

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥

Lembranza das mestras da infancia por Anxo González Guerra

Lembranza das mestras da infancia por Anxo González Guerra

Tal vez sexa eu o menos indicado para falar de mestras porque non fun á escola, fun un neno sen escolarizar: dos cinco aos once anos estiven co meu tío cura e a súa asistenta na Cervela, foron eles quen me aprenderon as primeiras letras e todo o demais. Creo que unha mestra asinaba como que era alumno seu sen selo e, aínda que non mo dixeron nunca, eu sospeito que o de non mandarme á escola era porque naquel lugar a mestra tiña fama de bater moito e ensinar pouco. Así que non teño a foto esa que ten a xente da miña xeración posando na súa escola nin a foto coa mestra e os compañeiros. Iso si, fun un adiantado da homeschooling, algo é algo.

Así que vou falar daquelas mestras polo que vin, lin e escoitei. Contaba miña nai que cando os pais tiñan mente de facer a nena mestra xa lle empezaban a falar o castelán na casa para que lle saíse máis natural cando exercese porque tería a obriga de esquecer o galego na súa escola. Coñecín varias mestras de familia labrega galegofalante que non soltaban unha palabra en galego nin que as espremesen como o trapo de fregar. Niso a miña bistía Isolina era unha adiantada, que nos falaba en galego aos pequenos da familia, iso si, corrixindo a nosa fala para que non fose moi “bruta”, tiñamos que dicir “gritar” e non “berrar”. Tamén falaron sempre o galego fóra da aula a dona Elisa de Trasar e a dona Aurora e o don Manolo (matrimonio) do Barrio. Este mestre pasou á historia por darlle nome a unha árbore senlleira “O carballo do Mestre”, en Pradeda.

Todas, sen excepción, tiñan o tratamento de “doña” e o diminutivo no nome en moitos casos, “doña Lolita, doña Pepita…” Na miña terra o primeiro destino de mestres e curas era sempre a alta montaña dos Ancares, o Courel, o Cebreiro… Alá marchaban as mociñas con dezasete anos e sen experiencia. Tiñan que levalas os pais a un lugar onde non chegaban os coches e os últimos quilómetros era a cabalo ou a pé. Sempre había unha casa de confianza que acollía e daba pensión á mestriña. Sempre eran tratadas naquel mundo rural con moito respecto e admiración porque eran as depositarias do saber, do coñecemento e iso que ás veces non había moita diferenza de idade entre o alumnado máis vello e a profesora; ata algúns homes sacaban a pucha cando falaban con elas. Contoume a miña prima Maruja que nunca esqueceu aquela marabillosa experiencia courelá e cando volveu por alí moitos anos despois, xa no seu coche, seguían lembrándoa e tratándoa co mesmo agarimo.

O caso é que os curiñas novos tamén tiñan a primeira parroquia na montaña. Dicía miña nai que “entre santo e santa, parede de calicanta” (hai que separar os mozos e as mozas, que a ocasión pode levar ás relacións amorosas). Cando chegaron os tempos nos que os curas empezaron a pendurar as sotanas, houbo algunhas parellas de sacerdote-mestra, non é de estrañar que os dous mozos da parroquia con estudos e tempo libre acabasen “xogando aos médicos”.

Nas Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas está moi ben retratada a chegada dunha mestra nova, o que iso supón para o neno Balbino. Pero tamén había de todo daquelas, eu coñecín dúas irmás mestras. Unha delas non facía máis ca rezar na escola e a rapazada non aprendía nada, ata agradecían cando ela non podía ir e mandaba un sobriño (que non pasara da escola) no seu sitio, con el aprendían “as catro regras”. Pola contra a outra irmá preocupábase moito porque os nenos e nenas aprendesen e se algún despuntaba miraba como poder axudalo. Unha sorte ou unha desgraza que ao neno lle tocase unha ou outra!

Lembro un par de casos nos que a mestra casou cun mozo do lugar que non era o médico, o farmacéutico nin outro mestre. Tal era a consideración da mestra que o marido perdeu o seu nome e pasou a ser para todos “o home da maestra”. Cando me teñen convidado a darlles unha charla na facultade aos futuros mestres, sempre lles digo que se lles gusta e lle botan ilusión terán a mellor profesión do mundo porque terán o agarimo e o respecto dos cativos. O Paulo non quería ir á escola ao comezar infantil. Ao saír o primeiro día díxolles aos pais que xa lle quería máis á nova profesora ca a eles. Cousas así só as consegue unha mestra.

Sempre se dicía “pasa máis fame que un mestre de escola”, mesmo para algunhas familia era un traballo pouco valorado. Conta meu irmán mestre que un día veu unha nai para tratar da súa pequena e cando el empezou a falar xa o cortou… “non me diga nada da nena, señor maestro, que eu xa sei que é moi curtiña, pero a ver se polo menos a puideramos facer maestra”. E se non chegaba ao final dos estudos podería exercer de “mestra do cu colorado”, que era como lles chamaban na Ribeira Sacra ás que facían substitucións sen teren a carreira esixida. E tamén “dar punto” era dar vacacións a mestra ao alumnado. Cando se escoitaba algo interesante soltábase o de “aprende cachola que estás na escola”; como non fun á escola pouco aprendín e para remedialo teño que ler sempre as publicacións de De vella a bella nas que se aprende moito.

Coñecín moitas mestras e algunhas marabillosas mestras rurais. Que lles sirvan estas liñas de homenaxe.

E se o queren saber todo sobre as escolas rurais poden ler as publicacións de Narciso de Gabriel citadas na Wikipedia.

Anxo facendo de mestra
Xa que non puiden asistir á escola do meu tempo fixen esta foto na recreación do MUPEGA collendo a vara, que os mestres eran máis dados ao castigo físico que as mestras.
escola de na Cervela
En Noilán-A Cervela-O Incio estaba a escola á que eu debía ter ido e non fun.
Anxo González Guerra

Anxo González Guerra

Profesor de Galego

Son Anxo González Guerra. Crieme entre Trasar de Carballo e a Cervela, lugares da montaña luguesa. No Seminario tiven de profesor ao mestre das etimoloxías Nicandro Ares, no Instituto a Alonso Montero, no Colexio Universitario a Anxo Tarrío e na Facultade de Filoloxía a Carvalho Calero. Terán algo que ver en que sexa un dos integrantes da 1ª promoción de Galego-Portugués?

De xaneiro de 1980 a abril de 2015 fun profesor de Lingua Galega e Literatura no IES Sánchez Cantón onde tiven alumnos e alumnas marabillosos. Desde 2005 Vitoria Ogando e mais eu fomos poñendo materiais na Internet: ogalego.eu. E seguimos de xubilados.

Alá na miña terra da infancia aos xubilados dáselles por traballar unha ribeira ou un morteiro. A min dáseme por cousas de lingua e literatura, alí onde queiran escoitarme. A cabeza non para, non convén estar ocioso.

O ensino público en Pontevedra:canteira de ilustres

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥