Nesta ocasión a nosa recomendación vén avalada pola concesión do XXXVIII premio Blanco Amor de novela e o Premio Nacional de Narrativa 2021 do Ministerio de Cultura (O xurado concédelle este galardón, o máis importante das letras de España, por unanimidade e pasa a ser o segundo galego premiado despois de Suso de Toro).
Así pois, como é de xustiza, antes de falarmos do libro imos presentar brevemente o seu autor.

Virtudes e misterios

Xesús Fraga naceu en Londres en 1971. Aos seis anos trasládase cos seus pais á Coruña e máis tarde a Betanzos, terra natal da familia. Cursa estudos de Filoloxía inglesa e de Xornalismo en Salamanca onde acada a licenciatura pola Universidade Pontificia. Traballa en Radiovoz Lugo e pasa a formar parte do equipo de redactores de La Voz de Galicia, tamén colabora no programa da TVG Libro aberto.

Xesús Fraga

As súas obras están publicadas en varias editoriais galegas, acadando a maioría delas algún galardón: Solimán, Premio Rubia Barcia de Ferrol (Xerais). O elefante branco, Premio Martín Sarmiento (Tambre). Reo, Premio Raíña Lupa (Galaxia). Tute para catro (Xerais). AZ, relatos (Xerais).
Así mesmo realizou traducións do inglés ao galego de Julian Barnes, Nabokov, Roald Dahl, Patrick Ness ou Kerouac. César Casal en La Voz trátao como “o Emmanuel Carrére galego que o coloca onde se merece, a carón de Aramburu, Almudena Grandes, Chirves etc”.

Virtudes (e misterios)
Neste libro o autor novela boa parte da historia da súa familia, nomeadamente a partir da emigración da súa avoa Virtudes a Londres, unha vez que o seu avó Marcelino, emigrado a América en busca de fortuna, non regresa e deixan de recibir noticias súas. A través da narración da traxectoria vital de todos eses personaxes que formaron parte da súa vida ofrécesenos unha estampa moi completa dos distintos aspectos da emigración e dos distintos resultados que dela se desprenden, sen menosprezar en ningún caso a crueza da situación que a provoca e as enormes dificultades polas que teñen que pasar no lugar do destino ata acadar certa estabilidade, como foi o caso da súa avoa, e mesmo o fracaso absoluto que conduce a situacións de desamparo, como as vividas polo seu avó Marcelino.

Aínda que se trata dunha novela de protagonismo colectivo, por razóns obvias, unha novela autobiográfica na que imos da man do narradorautor descubrindo a través dos seus ollos os membros da súa familia e as súas vidas, como tamén a súa propia, hai un personaxe que ten un peso especial, un personaxe no que se detén con coidadas e esmeradas descricións que deseguida acapara a nosa atención, trátase, como non, de Virtudes a muller que se ve obrigada a converterse no motor familiar e cuxo comportamento nos vai deparar varias sorpresas, mesmo ata o final da novela.
A historia de Virtudes é a de moitas mulleres galegas que emigran a Europa a partir dos anos cincuenta, e dicimos mulleres porque elas encetan este período, aínda non rematado hoxe en día, a pesar das diferenzas temporais lóxicas e as motivacións, pois na actualidade marchan portando diversas licenciaturas, sen que isto sexa sempre garantía de éxito.

Virtudes

Virtudes, a avoa de Xesús, á que chamaban Betty cariñosamente as amas inglesas que a van recomendando dunhas casas a outras, é o eixe central de todo o que se nos vai contando a través dos seis apartados nos que se estrutura a novela, denominados ZONAS.
Son totalmente insustituíbles as páxinas ocupadas no relato detallado do decorrer da vida da emigrante galega no Londres dos anos sesenta e como foi cambiando ata que, xubilada, retorna a Betanzos.

Na mente de calquera galego emigrado está sempre a idea de volver, de aforrar levando unha vida de sacrificio, pasando penurias por mor da soidade, do idioma, da distancia… O obxectivo é mercar un pisiño na cidade e ter un futuro de progreso para a familia e isto reflíctese moi ben na historia de Virtudes cuxa vida en Londres deixa mínimos espazos de aventura e de xolda coas amigas galegas, coas que comparte pequenas alegrías matando o becho da morriña. O autor-neto relátanos unha chea de anécdotas moi divertidas que van dende o vocabulario particular “galenglish” ou partidas de cartas ata algunhas visitas a pubs algúns domingos, pasando pola astuta recollida de obxectos de valor, que os da urbe deixan nos portais, ou os percorridos por mercados para ir adquirindo cousas a bo prezo como agasallos para todos nas distintas viaxes a Betanzos.

Ocupa así mesmo parte moi relevante da narración a vida de Isabel, nai de Xesús e a maior das tres fillas de Virtudes que ficaron en Betanzos na casa dos avós maternos cando ela toma a decisión de emigrar. A historia detense no relato da súa vida antes e despois de ser reclamada pola nai (cando cumpriu 18 anos) para que fose vivir a Londres con ela e alí desenvolver a súa vida.
O seu avó Marcelino é o personaxe máis enigmático da historia e ese enigma morre con el, non só polo seu carácter tan introvertido e o seu estraño comportamento en ocasións, senón tamén porque quedan moitas preguntas sobre o que realmente sucedeu en Venezuela para que non permitise que a súa muller se reunise con el nin el puidese volver.
Os espazos nos que se sitúan a maior parte das acción narradas son Betanzos e Londres, lugar de orixe e lugar de destino das mulleres emigradas, logo retornadas, describíndose ademais ese sentimento común a tantos migrantes de sentirse parte dos dous lugares, botando de menos o un ou o outro dependendo da situación na que se atopen.

Xesús Fraga, con esta obra, teima en reunir todas as pezas do seu álbum familiar, álbum de tapas azuis do que vai tirando distintas fotografías das que se axuda para acompañar o texto. Fainos unha descrición polo miúdo de cada personaxe-membro familiar analizando con moito detalle xestos, vestimenta ou miradas que axuden a desvelar as preguntas sen resposta que rodean o avó Marcelino, a mirada firme e decisiva da avoa ou o xesto de Isabel rodeando co brazo as dúas irmás menores, nunha mensaxe de protección, de responsabilidade de quen se fai cargo cando lle chega a quenda.

 Cóntanos as preguntas que movían a súa curiosidade xuvenil e que forman parte dos “misterios” dos que fala o título. Tamén nos fala dos moitos agarimos dos seus pais, das súas tías, das rifas e sobre todo dos agasallos recibidos da avoa a quen respecta e admira recoñecéndoa coma o faro que foi. En definitiva, cóntanos as “virtudes” coas que puido coñecer a fondo unha gran cidade e ser o único membro da familia que cursa estudos universitarios.

Insírenos, pois, nunha parte moi relevante da historia de varias xeracións da súa familia, sobre todo a que xorde a raíz da emigración da súa avoa Virtudes a Londres, convertendo esta cidade nun espazo crucial nas súas vidas, permitindo ao lector coñecer polo miúdo o día a día do labor de tantas mulleres que escolleron este destino na procura dunha solución aos seus graves problemas económicos no país que as tiñan sumidas na miseria ou en enormes privacións que imposibilitaban o seu sustento. Unha parte da nosa historia pouco coñecida, ensombrecida talvez polo gran protagonismo que sempre obtivo o estudo da emigración a América, así como a súa presenza na literatura e no cine. Porén é ben sabido que a emigración galega non se limitou ao soño de “facer as Américas”. As distintas etapas desa emigración foron tratadas por autores como Castelao, Neira Vilas ou X. Alcalá, e Xesús Fraga vai poñer o foco na etapa europea que acolleu tanta man de obra necesaria despois da Gran Guerra, abríndonos así as portas a ese mundo do que el tamén formou parte. Un outro mundo da emigración que nos leva a lembrar o traballo do loado Chano Piñeiro (con Sempre Xonxa ou Mamasunción) ou as achegas do cine español como Un franco, catorce pesetas ou Las chicas de la sexta planta.
Un libro que vale a pena ler de vagar, gozando de cada páxina.

Fernando Fernández González e Charo Valcárcel Mato

Fernando Fernández González

Fernando Fernández González

comercial de Galaxia

Fernando Fernández González, nado en Salceda de Caselas o 14 de setembro de 1957.

Formación a nivel de bacharelato no ies Pino Manso do Porriño e COU no Sta Irene de Vigo.

En 1975 comeza a andaina laboral con 18 anos como dependiente na desaparecida  librería Rafael Rodriguez no casco vello de Vigo.

En 1980 despois de cumprir co servizo militar inicia distintos traballos de representante comercial en empresas de papelería polo noroeste peninsular.

En marzo do 1989 pasa a formar parte do plantel de Editorial Galaxia como promotor de vendas ata a súa xubilación en 2020.

Morgana en Esmelle

Charo Valcárcel Mato

Charo Valcárcel Mato

Profesora de Galego

Nacín nunha pequena freguesía da Estrada (Sta. Cristina de Vinseiro) hai 60 anos, pero xa levo trinta e cinco vivindo en Pontevedra, case tantos como os que traballei no IES Valle Inclán (trinta e dous), toda unha vida…

Estudei Filoloxía Hispánica, aínda que me presentei e aprobei as oposicións para profesora de Lingua galega e sempre exercín como tal, do cal me sinto e sentirei sempre moi orgullosa.

Formamos parte dun grupo de teatro de profesores (en activo e xubilados) que naceu no 2005 no seo do Valle Inclán, Argallada, e que está esperando tempos mellores para retomar a súa actividade.

Agardo que as miñas contribucións no blog devellabella sexan merecedoras do voso beneplácito ou, polo menos, non do voso desgusto.

O paraíso dos inocentes

máis artigos

Contacto

Ana Santos & De Vella a Bella

Hablemos ♥♥♥
No dudes en ponerte en contacto con nosotros, enviándonos un mensaje mediante el formulario siguiente.

Ana Santos & De Vella a Bella

♥♥♥ síguenos ♥♥♥