Subida ao monte Pindo, Carnota por Peque González

Subida ao monte Pindo, Carnota por Peque González

O Pindo, levanta os seus 627 metros de altura a beira do mar de Carnota. A subida é doada e a paisaxe diferente a calquera outra ruta de montaña, cun aquel de maxia e natureza que nos fai repetir ano tras ano, nas mesmas datas, ao inicio de setembro, o reencontro co “monte”, como alí o chaman. Escollemos a ruta  máis directa, ben sinalizada, que comeza na aldea de Pindo; iniciamos  nunha corredoira ascendente que nos mete de cheo nas caprichosas formas das pedras que configuran este monte granítico, inspirador de numerosas lendas e historias. 

Pindo

Neste primeiro tramo, camiñamos baixo a sombra dos piñeiros que rebrotan despois do incendio devastador do 2013, ata chegar ao cruce co camiño que ven desde Caldebarcos, e “Onde se adora”. 

Pindo 2
Pindo 3

A partir de aquí, a sombra practicamente desaparece, porque a vexetación que nos acompaña é maioritariamente o carballo anano (quercus lusitanica), endémico no Pindo, uces e toxos, salpicados de flores do chamado falso azafrán (crocus nudiflorus), que iluminan o camiño.

Carballo
Uces
azafran

Facemos unha primeira parada para contemplar o mar, con Fisterra ao fondo, e poñer nome ás enormes pedras que temos diante: asentos, guerreiros, nais, ratos…. 

Continuamos a subida, por un camiño estreito, con rochas e ben definido, ata chegar a un fantástico miradoiro natural sobre a Praia de Carnota, a máis longa de Galicia. A Boca do río, a marisma que se crea na desembocadura do río Vadebois na propia praia, convida ao baño que nos agarda ao baixar. 

Dende o Pindo
Monte Pindo
Boca do Pindo

Pouco máis adiante, no Chan de Lourenzo, atopamos o gardián do monte, o Guerreiro, inmensa figura granítica emblemática na mitoloxía da zona. Preto do Guerreiro adivíñase algunha construción abandonada. 

A partir de aquí, o mar mais presente é o da ría de Corcubión, e a praia de Caneliñas, que acolle os restos da última baleeira galega. 

Guerreiro
Fisterra

O camiño encárase un pouco ata chegar a unha zona máis cha, que enlaza coa subida desde o Fieiro. Só queda o último tramo ata chegar á Moa, que nos agarda, coma sempre con vento e unhas vistas únicas desta marabillosa costa, desde Fisterra ata Corrubedo. As enormes lousas de pedra que compoñen a Moa están furadas polas chamadas marmitas de xigante ou pilancones, cavidades erosivas con moitos millóns de anos de antigüidade. A historia contémplanos, e nós a ela, demorándonos na paisaxe antes de iniciar o descenso

Marmitas
Moa
pano
Peque González Novoa

Peque González Novoa

Profesora

Son Peque González Nóvoa. Nacín en Pontevedra hai 63 anos, nunha familia das de aquela, “numerosa”. Estudiei Psicoloxía en Santiago e dediquei toda a miña vida laboral á docencia, no ensino público; nos primeiros anos como mestra de infantil e posteriormente como orientadora, ata que hai dous anos decidín pasar a esta etapa chamada xubilación. 

No meu percorrido de vida acostumo a definirme como muller, mestra, nai e avoa, sen orde prevalente, por que considero que son os elementos que conforman quen son.

Achégome a este grupo de xente que tivo a boa idea de poñer en marcha este proxecto “De vella a bella” coa intención de aprender e poder aportar un micrograo de area. Neste contexto no que vivimos, e nesta situación de pandemia, creo que todo o que implique a activación das persoas, sexa cal sexa a súa idade, é positivo. 

Salomé Álvarez

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥

Exipto por Manolo Gulías Márquez -devellabella-

Exipto por Manolo Gulías Márquez -devellabella-

Exipto

Viaxe a Exipto

No verán do ano 2003, en compañía doutra parella, organizámonos para ir de viaxe a algún lado. Á miña muller apetecíalle moito ir a Exipto e como aos demais tamén nos parecía ben, alá fomos, a historia exipcia sempre é interesante.

Saímos do aeroporto de Peinador ata Barajas en Madrid e de alí noutro avión voamos a Exipto ata o aeroporto internacional de Luxor (antiga Tebas) que está a uns seis quilómetros da cidade. En Luxor aterramos de noite e a pequena terminal do aeroporto era un caos debido a gran cantidade de pasaxeiros que chegamos á vez, despois dos trámites regulamentarios na aduana, e de cambiar os euros en libras e piastras, saímos ó exterior, xa estabamos en Exipto.

Pincha no PDF da dereita para ler a viaxe completa

Exipto 2
Exipto 3
Exipto 4
Manolo Gulias Márquez

Manolo Gulias Márquez

Docente

Xosé Manuel Gulías Márquez naceu en Pontevedra en 1952, pero foi bautizado en Forcarei de onde eran seus pais. En 1983 aprobou as oposicións por ciencias logo fixo a especialidade de galego e daba as clases nesa lingua. O seu último destino levouno ao instituto onde estudou, é dicir ao Valle Inclán, non podía estar máis feliz xa que despois de case 20 anos non tivo que volver coller o coche. Neste instituto estivo 18 anos ata que con 65 xubilouse, porque xa tiña o tempo de servizo e xa tocaba. Colabora con nós relatando as súas viaxes.

Viaxe de Pontevedra a Pamplona

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥

Unha semana en Carrapateira por Sara Valenzuela

Unha semana en Carrapateira por Sara Valenzuela

Carrapateira en Portugal

Saímos moi cedo para facer tranquilamente esta viaxe.
A fin de semana foi moi dura e necesitamos saír, pasamos sete días de desconexión total, dentro do que puidemos, o punto de parada era Carrapateira, na Costa Vicentina,  pero fixemos algunhas paradas no camiño, porque a distancia era longa.

Unha das máis reconfortantes foi Vila Nova de Milfontes, Vila Nova de Milfontes é unha cidade portuguesa de Odemira, distrito de Beja, situada na beira norte do desfiladeiro do río Mira. Está incluído no parque natural do suroeste do Alentexo e da Costa Vicentina.

As rúas que conducen ao océano están cheas de pequenas tendas, bares e restaurantes. E vixiado por casas brancas con raias azuis que evocan o mar.

Demos un paseo pola vila e fomos comer pois ainda quedaba un longo percorrido ata o noso destino, Carrapateira.

Chamounos a atención unha cabina telefónica coma as inglesas, na que no seu interior había libros para intercambiar entre os habitantes do lugar.  saber máis

Benito
cabina
Ruta Vicentina
Sara Valenzuela Viz

Sara Valenzuela Viz

Profesora de Historia

Nacín na parroquia de Santirso de Manduas, en Bandeira.

Aos nove anos mandáronme estudar a Santiago e alí pasei uns cantos anos da miña vida, xa que logo fixen Filosofía e letras e liciencieme en Xeografía-Historia.

Exercín de profesora percorrendo moitos centros educativos das catro provincias, penso que de aí vén o que me gusta viaxar.

Levo en Pontevedra 27 anos, nesta fermosa cidade coñecín a unha parte dos integrantes do blog devellabella, no IES Valle Inclán e tamén no Frei Martín Sarmiento. Con eles vivín moitas aventuras, dende a nosa dedicación común ao teatro a festas diversas relacionadas co noso traballo, e sempre me sentín en total confianza.

Levo xubilada dous anos e procuro aproveitalo ao máximo, sobre todo facendo viaxes.

Neste proxecto vou poñer o meu graniño de area, e espero que sexa do voso agrado

Un paseo pola Mariña lucense

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥

Xubileo Joyciano (1985) por Xoán Bernárdez Vilar

Xubileo Joyciano (1985) por Xoán Bernárdez Vilar

                                          “De naturista ao Zola ou ao Maupassant, evoluíu

                                  abominablemente no “Ulysses” cara á fría e descarada

                                  pornografía (na que o talento mídese polo número de edicións

                                  que a policía recolleu), e cara á destrucción da forma artística

                                da novela, que sustitue por un inxustamente celebrado, mais

                                  caótico,  insoportable, tolo, e incoherente balbuceo de enfermo

                                  cerebral”.

                                              Ramón Domingo Perés y Perés, 1949.

           Debo comezar por admitir que, ata o intre que máis adiante indicarei, nunca lera unha soa liña de James Augustine Aloysius Joyce –James Joyce– (Dublín, 1882 –Zúrich, 1941). Certos comentarios sobre a súa obra predispuxéranme  cara a esta  tan pouco ortodoxa actitude. Tería que ser por medio dun agasallo, cuxo acerto nunca valorei axeitadamente, que, no ano 1979 chegara ás miñas mans unha reedición das súas obras, entre as que, ademais, se atopaba a pseudo-paráfrase que, acerca del publicara cincuenta anos antes o inesquecible Vicente Risco Agüero (Ourense, 1884-1963), para que, a través da imaxinación e do  pensamento deste principiara a sospeitar que as indicadas opinións non eran a única verdade que respecto a Joyce cabía.     Estoume a referir, coma xa estaredes a sospeitar, a Dedalus en Compostela, un comentario de Risco que ofrece a máis incrible das elucubracións histórico-literarias que imaxinar se poida, a cal, e curiosamente, resultaría despois a causa da experiencia á que me refiro no título.

       Explícome: Dedalus, -Stephen Dedalus, para ser máis exacto-, é o personaxe que na máis famosa das obras de James Joyce encarna a Telémaco, o fillo daquel  Ulises, rei de Ítaca, e, ao mesmo tempo, ao propio Joyce, mentres que o astuto e errático protagonista da Odisea está personificado  na mesma por Leopold Bloom, un xudeu irlandés que, ademais doutras singulares experiencias, chegou a rememorar, nunha soa xornada, concretamente na do 16 de xuño de 1904, nada máis, nin nada menos, que a peregrinaxe efectuada polo protagonista que Homero inmortalizou no seu poema, logo da destrución de Troia, hai disto xa máis de 2700 anos.

     Así, pois, teño que admitir o oportuno que resultou para canto vou referir que aquela fría mañá do ano 1926,  tivese a fortuna Vicente Risco de se atopar con Stephen Dedalus, un dos protagonistas do “Ulysses” de Joyce, na libraría que daquela existía nas proximidades do pórtico de Salomé, en Compostela.

    “ -Veño a gozarme do suicidio da miña raza –afirmara naquela memorable ocasión o nunca satisfeito Dedalus– Aquí todo camiña cara ao non ser, pola vontade e pola industria distes meus irmás de aquí. Iles non o fan por soberva, senón por inconscencia; van movidos pola inducción da gran máquina oficial en cuxo campo magnético viven, aínda que non estean directamente conectados co-ela, sinxelamente, por mimetismo, como as monas.”

      A visión que acerca daquel momento da humanidade, e máis concretamente, os de Galicia e Irlanda, lle transmitiu este ao autor ourensán, tanto no lugar do seu encontro coma durante o paseo que ambos os dous deron, a continuación, polas empedradas rúas da cidade do Apóstolo, incideu tanto nel que, segundo refire, ao rematalo, vírase na premente necesidade de adquirir nunha tenda da Rúa Nova o “Retrato dun artista adolescente”, tamén de Joyce, que leu de inmediato de cabo a rabo, disposto a afondar debidamente no coñecemento do autor.

     Nin dicir debería xa que, despois do que entón me ofreceron as palabras de  Risco, tampouco tiven outra saída que a de devorar o “Ulysses”. E aínda máis, que me considerei na obriga de me redimir do  pecado polo descoñecemento de Joyce efectuando a axeitada reparación. E non atopei outra que a de visitar os lugares frecuentados por este innovador das técnicas narrativas que tanto influíron noutros moitos autores.

     Coma consecuencia, levando a súa obra a man, e na compaña da miña esposa e dos nosos dous fillos maiores, no verán de 1985, é dicir arredor de 81 anos despois da data na que aconteceu a experiencia que de Leopold Bloom  veño de indicar, visitamos Dublín.

A VIAXE

       O noso resultou un periplo un tanto atípico, déboo de recoñecer tamén, posto que o efectuamos en coche, nada menos que dende Vigo. Un medio que, se ben que esgotador, ofrecía a vantaxe de permitirnos acceder, de paso, a lugares que, aínda que coñecidos, nunca visitaran  Paulo nin Adrián. Coma consecuencia, no noso percorrido pola Bretaña puidemos darlles a coñecer  paraxes de tanto interese coma o Grand Menhir Brisé, os aliñamentos de Carnac, ou a Pointe de Penmarch, en cuxas rochas era sona que finara  Tristán mentres saloucaba: “Iseu, amiga”, e onde, instantes despois, falecera tamén esta, abrazada ao amado, desesperada por ter chegado tarde co remedio contra a pezoña que o consumía.

Dublín

Os principais territorios neste relato mencionados, coa indicación dalgúns dos lugares sobre os que máis adiante nos imos ocupar.

Seguimos despois ata a espectacular Pointe du Raz, para visitar a Fonte de Morgana. Máis adiante, fixemos o mesmo na dilatada Praia do Ris, posiblemente  relacionada coa Cidade Asolagada de Is, a estatua de cuxo rei Grandlon pódese ver na catedral de Quimper, entre as súas dúas elevadas torres. Tiveron tamén ocasión de contemplar a tumba de Merlín e, máis adiante, en Saint-Pol-de-Léon, o mausoleo de Conan Meriadec, o conquistador da Bretaña, un personaxe que viviu no século II d. C.,  ao que algúns eruditos consideran descendente do noso Breogán, mentres que outro o fai relacionándoo co posible inspirador daquel “Conan o Bárbaro”, ou “Conan de Cimeria”, heroi da Era Hiboria, creado polo texano Robert Ervin Howard (1906-1936), protagonista de numerosas novelas,  cómics e películas, que os nosos fillos tiveran ocasión de ler, ou de ver.

     En Roscoff, a escasa distancia, tomamos o ferry que nos levou á outra banda do  Canal da Mancha. Desembarcamos en Plymouth, ao amencer, sendo entón abordados por un alto e elegante aduaneiro, con traxe azul e un pano ao pescozo, que, escudriñando ao mesmo tempo no interior do vehículo, saúdoume:

     -¡Good morning, Sir!. . .

Pointe de Penmarch

Paulo no Faro de Eckmühl, na Pointe de Penmarch. Detrás da segunda baliza que nela aparece é onde se atopan o cabo e os penedos nos que a sona considera que morreron  Tristán e Iseu.

Tristan

A Pedra de Tristán, en Menabilly, Cornualla, antigamente cun travesaño superior, ou cruz cristián en forma de T.

 Fiquei impresionado. Era a primeira vez que me outorgaban un tratamento así. Despois,  sen deixar de esculcarme coa ollada, e logo das habituais preguntas de rigor, quixo saber se levabamos, cans, gatos, calquera outro animal, alcohol ou drogas. Ante as miñas respostas negativas, abriuse nun franco sorriso e, sinalando a saída da Aduana, desexounos   unhas felices vacacións.

      Encamiñámonos, pois, cara ao oeste da Cornualla e, chegados á ría de Fowey onde nos detivemos ante a pedra que, dende arredor do ano 550, sinala a tumba de Tristán, coa súa aínda perfectamente lexible inscrición: “Drustanus hic iacit, Cunoworus filius”. “Aquí xace Tristán, fillo de Cunomoro”.

    Mais adiante, en Bolventor, visitamos a célebre “Pousada de Jamaica”, o lugar onde se desenvolve o relato do mesmo título de Dafne du Maurier (Londres, 1907- Fowey, 1989), creadora de obras de tanto predicamento coma “Rebecca”, “A miña prima Rachel”, ou, “Bícame outra vez, forasteiro”. O histórico caserón albergaba agora un museo e unha libraría con todo canto se relacionaba coa autora, ademais de coas publicacións  que a inmortalizaran.

Para ver o artigo completo preme  Aquí

pousada

Adrián na Pousada de Jamaica, en  Bolventor. Á dereita, e de costas, Iña.

Xoan Bernárdez Vilar

Xoan Bernárdez Vilar

Historiador

Doutor en Xeografía, Arte e Historia pola Universidade de Vigo e desde o 2003 membro correspondente de Real Academia Galega. Conta cunha importante obra ensaística (libros e artigos en revistas) froito da súa condición de historiador entre a que destacamos algúns títulos como: 

 Galicia no século VI antes de Cristo. Estudo Histórico-Xeográfico da Ora Maritima de Rufo Festo Avieno.  

Xeografía do mito de Tristán e Iseu. 

A etapa portuguesa de Colón e a súa viaxe Ultra Tile.

O comezo da nosa Idade Media. A Gallaecia que se emancipou de Roma.

O rei Artur: Mito e realidade

Ademais dedicouse tamén á  narrativa acadando varios premios, coma o Xerais no ano 86 por No ano do cometa, unha das súas obras máis coñecidas, aínda que xa no 76 fora premiado polo  Padroado da Cultura Galega de Montevideo por Un home de Vilameán: anatomía da revolución Irmandiña, tamén recibiu o Premio Concello de Vilalba no 93 e no 99 por: Big-Bang e A saga da illa sen noite respectivamente e a Homo sapiens concedéuselle un accésit no Modesto R. Figueiredo no 83. 

Ten tamén unha obra teatral O valedor do reino (Premio de teatro da Universidade de Vigo no 2002) e así mesmo foi premiado polo seu labor como tradutor de obras latinas ao galego.

Un príncipe dos Albións entre nós

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥

De San Sebastián a Pontevedra por Manolo Gulías

De San Sebastián a Pontevedra por Manolo Gulías

Viaxe de San Sebastián a Pontevedra

De San Sebastian a Pontevedra

Pola estrada A-15 botamos pouco máis dunha hora en percorrer os oitenta e cinco quilómetros que máis ou menos puidemos andar. Queríamos chegar a San Sebastián que era a nosa meta, e comer xa alí. E comemos só chegar entrando á cidade, nun dos primeiros restaurantes que atopamos que tiña onde aparcar o coche non o pensamos, era a hora de facelo e fixémolo.

Rematada a comida fomos ata o hotel Arbaso, no que iamos estar tres noites. Xa no hotel deixamos as maletas, collemos o plano da cidade e botamos a andar cara a zona antiga de San Sebastián.

Pincha no PDF da dereita para ler a viaxe completa

Kursaal
Concha
Kursaal
Manolo Gulias Márquez

Manolo Gulias Márquez

Docente

Xosé Manuel Gulías Márquez naceu en Pontevedra en 1952, pero foi bautizado en Forcarei de onde eran seus pais. En 1983 aprobou as oposicións por ciencias logo fixo a especialidade de galego e daba as clases nesa lingua. O seu último destino levouno ao instituto onde estudou, é dicir ao Valle Inclán, non podía estar máis feliz xa que despois de case 20 anos non tivo que volver coller o coche. Neste instituto estivo 18 anos ata que con 65 xubilouse, porque xa tiña o tempo de servizo e xa tocaba. Colabora con nós relatando as súas viaxes.

Viaxe de Pontevedra a Pamplona

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥

De Pontevedra a Pamplona por Manuel Gulías Márquez

De Pontevedra a Pamplona por Manuel Gulías Márquez

Viaxe de Pontevedra a Pamplona

De Pontevedra a Pamplona

Despois de estudar o percorrido que máis ou menos queriamos facer polo norte de España no mes de xullo do ano 2018, reservamos os hoteis dando preferencia a que estiveran no centro, que tiveran catro estrelas e que tiveran garaxe, por esa orde de importancia a poder ser. Non o conseguimos de todo pero case. Iamos botar 15 días dando voltas por lugares que xa coñeciamos e por outros, a maioría, que non, ou que xa había bastante tempo que estiveramos neles.

O primeiro día, o día da saída, o venres trece de xullo, collemos o noso flamante Saab 93 1.8t a gasolina a iso das nove da mañá, e sen perda de tempo, puxemos rumbo á cidade de Zamora coa intención de chegar a comer sen ter que pasarnos das velocidades que a legalidade impón..

Pincha no PDF da dereita para ler a viaxe completa

Salamanca
Burgos
Nájera
Manolo Gulias Márquez

Manolo Gulias Márquez

Docente

Xosé Manuel Gulías Márquez naceu en Pontevedra en 1952, pero foi bautizado en Forcarei de onde eran seus pais. En 1983 aprobou as oposicións por ciencias logo fixo a especialidade de galego e daba as clases nesa lingua. O seu último destino levouno ao instituto onde estudou, é dicir ao Valle Inclán, non podía estar máis feliz xa que despois de case 20 anos non tivo que volver coller o coche. Neste instituto estivo 18 anos ata que con 65 xubilouse, porque xa tiña o tempo de servizo e xa tocaba. Colabora con nós relatando as súas viaxes.

Viaxe a Túnez

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥